'Xpectro', de Zen del Sur, chega ao Auditorio de Galicia cunha proposta escénica que celebra a diversidade

Esta peza a cabalo entre o circo e a danza, dirixida á rapazada de 10 anos en diante, fíxose co Premio FETÉN ao Mellor Espectáculo de Noite, Premio Ciudad Rodrigo ao Mellor Espectáculo de Sala, Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Circo, Mención Especial Circada
As entradas dispoñibles para o espectáculo pódense adquirir na web de Compostela Cultura, na Zona C e, xa o propio día do evento evento, no despacho de billetes do Auditorio de Galicia
 

O Auditorio de Galicia acolle o domingo 8 de febreiro, ás 18.00 horas, Xpectro, un espectáculo multidisciplinar da compañía Zen del Sur que combina circo, danza e música en directo para construír unha experiencia escénica profundamente sensible e poética. 

Dirixido a público a partir de 10 anos, e cunha duración aproximada de 55 minutos, Xpectro propón unha inmersión nun universo creativo situado nun recuncho da mente de dous seres que levan no corpo trazos de neurodiverxencia e conservan no seu interior pegadas do pasado. A través do movemento, do risco físico e da música, atopan un espazo común para expresarse, comunicarse e afrontar desafíos, ofrecendo ao público unha ollada empática e aberta cara á diversidade e ás múltiples formas de percibir o mundo.

A obra destaca pola fusión de diferentes linguaxes do movemento coa música en directo, dando lugar a unha proposta escénica de gran forza emocional que convida á reflexión sen renunciar á beleza visual nin á intensidade artística. Avalada pola crítica e polo circuíto profesional, Xpectro foi recoñecida co Premio FETÉN ao Mellor Espectáculo de Noite, o Premio Ciudad Rodrigo ao Mellor Espectáculo de Sala, o Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Circo e unha Mención Especial no festival Circada.

As entradas teñen un prezo de 3 euros e poden adquirirse ata o domingo a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e, de existiren localidades dispoñibles, tamén o día do evento no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.