As Xornadas de Música Contemporánea inaugúranse cun coloquio e concerto con Margaret Lucia

As Xornadas de Música Contemporánea, que este ano se dedican á Diáspora, inaugúranse mañá, venres 7 de xuño, con dous eventos na Escola de Altos Estudos Musicais. Primeiramente, ás 19.30 h teremos un 'Meet the masters', colaboración especial con Wom@rts, proxecto europeo a prol da igualdade das mulleres na contorna artística, que lidera o Auditorio de Galicia. No coloquio, baixo o título de 'Referencias cruzadas. Compositoras españolas e estadounidenses' participan María Álvarez Armesto, Anna Bofill Levi, Cruz López de Rego, Mercedes Zavala Gironés e Margaret Lucia.

Margaret Lucia será quen a continuación, ás 20.30 h, ofrecerá o concerto 'Compositoras españolas e estadounidenses: homenaxeando ao pasado, abrazando o presente, explorando o futuro', cun programa integramente feminino. Este concerto faise en colabroación coa Beca Fullbright, a New York Women Composers e a Universidade de Pennsylvania. Ambos eventos son con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Margaret Lucia, piano
Margaret Lucia interpreta un repertorio amplo no teclado que vai dos tradicionais -concertos de Mozart e Beethoven e os traballos románticos de Chopin e Schumann– ás pezas altamente xestuais, tonais e atonais de compositores contemporáneos. Como defensora apaixoada da música nova, ten estreado varias pezas, actuando en festivais e concertos ao longo de Estados Unidos así como en Xapón e Europa. Como becaria Fulbright Senior en 2016-17, colaborou con compositores en España e interpretou as súas obras en varios concertos en Madrid, Salamanca e Palma de Mallorca. En novembro de 2011, participou no Festival Internacional de Música Contemporánea en La Habana; a súa gravación de música de compositoras cubanas dos séculos XIX e XX será publicada en breve.

En 2009 formou o Vox Terra Ensemble, que interpreta novas obras de música de cámara para honrar o Día da Terra, así como concertos adicionais durante todo o ano. En xuño de 2003, actuou no Weill Hall de Carnegie Hall na cidade de Nova York co tenor Dr. Jon Robert Cart nun recital conxunto con música vocal e para piano de España e América Latina; actuaron alí novamente en maio de 2005, con obras de compositores mexicanos do século XX. Como membro do Dúo Lucia, realizou un concerto coas sonatas para violín e piano de Joaquín Turina co seu esposo, o violinista Anthony Lucia en España en 2005. Tamén interpretou obras da compositora estadounidense Anna Rubin e a grega Sofia Kamiyanna en Flagstaff, Arizona,
en setembro de 2011. En 2002, participou no Museo Nacional das Mulleres nas Artes en Washington, DC para a Alianza Internacional de Mulleres na Música. Interpretou música de mulleres xaponesas contemporáneas na Universität de Zúrich en 2007, e música de mulleres cubanas para a Conferencia da American Musicological Society en Quebec, nese mesmo ano. 

Ademais, a Dra. Lucia participou en conferencias e recitais de música para piano de compositoras en Nova York, Cleveland, Minneapolis, Portland, Salt Lake City e San Antonio, así como noutras cidades dos Estados Unidos. Mentres remataba o seu doutoramento na Universidade de California en San Diego, colaborou como pianista nos seminarios de música de cámara conducidos polo violinista Rafael Druian, foi teclista da Sinfónica de San Diego e invitada especial do conxunto pertencente ao San Diego Museum of Art Chamber e de SONOR, un ensemble de música contemporánea. Os seus profesores inclúen ao falecido Aube Tzerko na Universidade de California, Los Ángeles e no festival musical de Aspen e a Marion Hall, Gyorgy Sebok, Gunther Ludwig e Zhanna Arshanskaya Dawson na Universidade de Indiana, Bloomington, onde recibíu a súa licenciatura e o seu mestrado en piano. Actualmente, a Dra. Lucia é catedrática titular no departamento de música e artes escénicas da Universidade de Shippensburg, Pensilvania. Tamén, traballou como profesora nas Universidades de Redlands e California, San Diego, e no Grinnell College en Iowa.