As Xornadas de Ilustración Urbana enchen de cor a Casa das Máquinas

Do venres ao sábado, o edificio da rúa de Galeras abeira conferencias e obradoiros que convidan a descubrir Compostela a través do debuxo

Gemma Sesar e Míriam Louzao na inaguración das XIU 2025

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presidiu este venres a inauguración das Xornadas de Ilustración Urbana 2025, nun acto que contou tamén coa intervención da coordinadora do evento, Gemma Sesar.

Louzao puxo en valor este encontro que reúne en Santiago a debuxantes e artistas da ilustración de diferentes procedencias que durantes estes días "recollen a esencia de Compostela" nos seus cadernos, nunha visita que lles permite deterse para coñecela a fondo e retratala á marxe de estereotipos. 

O seu proceso creativo e as maneiras de entender o mundo a través do debuxo compártense estes días coa cidadanía e visitantes en conferencias e sesións con acceso de balde. Inma Serrano, unha das máis recoñecidas ilustradoras españolas no ámbito do urban sketching, abriu a sesión do venres coa conferencia “Dende cero: o proceso de creación dun debuxo”. Chegou despois a quenda a artita franco-taiwanesa afincada en París Pascale Lee,  coa conversa “Paseando con acuarelas, unha taiwanesa en París”. O primeiro día pechouse coa intervención da ilustradora e arquitecta Olivia Marcus e o seu  “Baño de multitudes!”, unha reflexión sobre a enerxía das cidades e o papel da xente como auténtico motor da inspiración artística.

O sábado 8 de novembro abrirá cunha proposta participativa: de 10.30 a 12.30 horas desenvolverase o obradoiro gratuíto “Partindo de cero”, impartido por Daniel Pagans. Trátase dun taller dirixido a persoas maiores de 18 anos que desexen iniciarse no debuxo, sen precisar experiencia previa. Durante dúas horas, as persoas asistentes poderán aprender a escoller materiais, experimentar co uso da cor e da rotulación e, sobre todo, perderlle o medo ao papel en branco.