A Tropa C propón unha fin de semana para gozar da danza e o circo contemporáneo en familia

O Auditorio de Galicia e a Casa das Máquinas acollen dúas funcións pensadas para público infantil e familiar
‘Anónimos’, de Rauxa Cía, combina danza e circo para construír un espectáculo sensible e hipnótico que se poderá ver o sábado 9 no Auditorio de Galicia
A compañía  Zirko Txosko presenta o domingo 10 na Casa das Máquinas ‘Tavole’ con acceso de balde ata completar capacidade
 

A programación d’A Tropa C, o universo que Compostela Cultura dirixe ao público familiar, suma esta fin de semana dúas novas propostas escénicas que convidan a explorar a imaxinación, o xogo e a creación contemporánea desde idades temperás. O sábado 9 e o domingo 10 de maio, o Auditorio de Galicia e a Casa das Máquinas converteranse en escenarios de encontro para familias que buscan experiencias culturais compartidas

A primeira cita será o sábado 9 de maio ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia con Anónimos, da compañía Rauxa Cía. Con dirección e dramaturxia de Xavi Sánchez e interpretación de Analía Serenelli, trátase dun espectáculo de danza e circo contemporáneo, sensible e poético, que nos mergulla no subconsciente dunha muller que crea, a través do papel, unha realidade paralela onde refuxiarse. Cunha coidada posta en escena que combina acrobacias, equilibrios e manipulación de obxectos e marionetas, a peza constrúe un universo fráxil e traxicómico arredor da memoria e deita unha ollada distinta sobre a soidade. Cunha duración aproximada de 45 minutos, diríxese á rapazada de 7 anos en diante. As entradas, a 3 euros, xa están dispoñibles en compostelacultura.gal e na Zona C. O espectáculo está integrado no programa PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do (INAEM) 

Ao día seguinte, o domingo 10 de maio ás 18.00 horas, a Casa das Máquinas acollerá Tavole, da compañía Zirko Txosko, unha proposta dirixida por Aritza Rodríguez e cun elenco integrado por Ariñe Azkue e Óscar Páez,  recomendada a partir de 3 anos. O espectáculo combina acrobacias e humor para narrar relatos e experiencias cotiás mesturadas coa fantasía. Cunha linguaxe escénica propia, tece unha experiencia delicada e sorprendente para dar a ver que a solución a moitos dos problemas da sociedade actual está na convivencia, a comunicación e o respecto. A función será de balde até completar capacidade. 

Estas dúas propostas intégranse na filosofía de A Tropa C, que aposta por achegar as artes escénicas á infancia desde a diversidade de linguaxes e formatos, favorecendo o acceso á cultura como espazo de encontro, aprendizaxe e goce compartido.