Tras as pegadas d’O gato con botas: volven os concertos didácticos da Real Filharmonía de Galicia

O Auditorio de Galicia acolle de xoves a sábado cinco pases deste espectáculo: catro deles destinados a centros educativos da contorna galega e o último aberto ao público familiar. Aarón Zapico dirixe a orquestra neste programa que conta coa dirección escénica e artística de Títeres PerPoc, os debuxos de Alexadra Semenova e a narración de Rocío de Lorenzo. 

A Real Filharmonía de Galicia pon o foco esta semana no público miúdo e familiar coa interpretación d’O gato con botas, un conto popular europeo que chega ao Auditorio coa dirección artística e escénica de Santiago Arnal e Anna Fernández (Títeres PerPoc) os debuxos da artista rusa Alexandra Semenova. a narración de Rocío de Lorenzo e a dirección musical de Aarón Zapico.

 

Haberá cinco pases ao longo da semana. Os catro primeiros, o xoves 1 e o venres 2 de febreiro ás 10 e ás 12 horas (ambos os dous días), dedícanse enteiramente a centros educativos de infantil e primaria de Compostela e doutras localidades das provincias da Coruña e Pontevedra. O quinto pase, o sábado 3 de febreiro, ábrese ao público familiar. As entradas, a un prezo de 3 euros, poden adquirirse na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas), a través da web compostelacultura.gal, ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo).

PerPoc e a RFG levan así a escena este conto compilado por Charles Perrault en 1695, e publicado en 1697 no seu libro Contos de antano, que nos mergulla no ambiente da corte de Luis XIV e a música daquela época. Un espectáculo visual e poético con figuras de papel de gran formato que remiten á estética da era do Rei Sol, acompasado do repertorio musical francés dos séculos XVII e XVIII –da man de autores como Marin Marais, Jean-Baptiste Lully, Antonio Vivaldi ou Georg Philipp Telemann–, que permitirá á rapazada viaxar dende o patio de butacas para descubrir a riqueza cultural do período.