Trapu Zaharra converte a Quintana en teatro ao aire libre con ¡Dale Ramón!

A compañía teatral éuscara presenta este xoves ás 20 horas no Festival C unha peza de teatro de rúa, dirixida por Oscar Terol e Santi Ugalde, que recibiu o premio ao mellor espectáculo de humor feira de arte de rúa Umore Azoka de Leioa
Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o Festival C conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM)
 

O Festival C toma durante os xoves de agosto a praza da Quintana para facela pista e escenario de diferentes espectáculos circenses e de teatro de rúa. O primeiro deles, chega da man da lonxeva compañía guipuscoana Trapu Zaharra, que presenta este día 7 ás 20.00 horas a peza ¡Dale, Ramón!, unha aceda comedia dirixida por Oscar Terol e Santi Ugalde, quen tamén a protagoniza xunto a Sergio Arrospide. 

A proposta, que se fixo co premio ao mellor espectáculo de humor feira de arte de rúa Umora Azoka de Leioa, fai o público parte dun concurso radiofónico en directo co que unha firma comercial bota man do temor colectivo a un gran colapso para promocionar o seu produto estrela: búnkers de cinco estrelas. O slogan “O medo protéxenos” serve así á empresa Bunkarizados Ortiz para percorrer a xeografía española facendo negocio por conta da fobia apocalíptica. 

Con este pretexto, e botando man da irreverencia, a crítica, e a participación a interacción directa co público que caracteriza os seus espectáculos, Trapu Zaharra conxura o riso contra o inmobilismo provocado pola histeria colectiva e mediatizada. O pase de ¡Dale, Ramón! na praza da Quintana é de acceso libre e de balde.

Trapu Zaharra (en galego, teatro trapeiro) é unha compañía con máis de corenta anos ás costas e unha trintena de espectáculos de rúa e sala de autoría propia e sempre en clave humorística. Os seus temas, moi próximos á vida doméstica, acostuman pór o foco nun antiheroe –como é neste caso Ramón Uriarte– ao que fan protagonista das súas historias e que se revela como selo de identidade da compañía. A outra constante dos espectáculos é a interacción co público, cuxa participación reviste un rol esencial en creacións con altas doses de improvisación e complicidade. ¡Dale, Ramón! é o penúltimo traballo da compañía, que xa tomara parte no Festival C de 2021 con Turistreando, e que na actualidade está a realizar nunha xira de despedida co espectáculo ¡La última y nos vamos!. 

O Festival C 

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena,  do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

Do 4 ao 28 de agosto, a súa sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.

Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión. Cada grupo está limitado a 25 participantes e para inscribirse cómpre indicar no texto nome completo e idade da/o solicitante e datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao cargo. 

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura