Trapecios, rivalidade e gargalladas: Desastronauts transforma a Casa das Máquinas nunha pista de circo

Co espectáculo ‘Circo Doble Expresso’, Girisho e Raquel Veganzones presentan unha proposta de circo contemporáneo chea de humor e habilidade na que compiten por conquistar o público entre teas aéreas, hula hoops e acrobacias imposibles
A función, recomendada para a rapazada a partir de 3 anos, poderá verse o sábado 30 de maio ás 18.00 horas con acceso libre até completar capacidade
O espectáculo forma parte da programación d’A Tropa C de Compostela Cultura, un amplo abano de actividades para gozar en familia
 

A Casa das Máquinas acolle este sábado, día 30 de maio, o espectáculo Circo Doble Expresso, unha proposta contemporánea para público familiar da compañía Desastronauts. A función, de balde e con entrada libre até completar capacidade, comezará ás 18.00 horas.

Con máis de dúas décadas de traxectoria no mundo do circo, Raquel e Girisho interpretan dous excéntricos artistas empeñados en demostrar quen merece a admiración do público. Mentres Girisho enfronta cada reto con entusiasmo desmedido e unha confianza algo temeraria, Raquel responde con disciplina, precisión e unha grande habilidade técnica. Entre os dous constrúen unha divertida competición chea de equívocos, desafíos e momentos sorprendentes.

Trapecio, tea aérea, hula hoops e distintas técnicas circenses conviven nun espectáculo dinámico e visual que combina destreza física, humor e complicidade co público. A proposta está pensada para gozar en familia e achega o circo contemporáneo ás crianzas a través dun universo lúdico e accesible.

Circo Doble Expresso é un espectáculo recomendado para público a partir de 3 anos integrado na programación familiar d’A Tropa C de Compostela Cultura.