

A compañía Mar · Mar Teatro presenta no Auditorio de Galicia Un pez en el corazón, unha obra dirixida ao público miúdo que foi finalista nos Premios Max 2024 ao mellor espectáculo infantil e xuvenil · Entradas dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.
A compañía vasca Mar·Mar Teatro trae a Compostela Un pez en el corazón, unha historia visual e poética sobre os medos e o mar que se presentará na Sala Mozart do Auditorio de Galicia este sábado, día 10 de abril, ás 18.00 horas.
A montaxe conta a historia de Marti, unha nena que agarda o regreso do seu pai mariñeiro e que se ve arrastrada polo océano. Así, inicia unha aventura fantástica polo fondo mariño, na que deberá aprender a linguaxe dos peixes e a dos temores.
O espectáculo, especialmente pensado para a rapazada de 3 anos en diante, baséase en poemas de Leire Bilbao, e combina monicreques, música orixinal, escenografía artesanal e narración sensorial para crear unha experiencia envolvente que fala da valentía, da capacidade de facer fronte á perda e do pracer da descuberta. Con dramaturxia de Mar · Mar Teatro, dirección, marionetas e decorados de Javi Tirado, o espectáculo conta cun elenco conformado por Irene Hernando, Aritza Rodríguez e Maitane Serrano, quen tamén se ocupa do deseño de luces, e co vestiario de Noemi Loiti, a música de Unai Laso, e o espazo sonoro de Igor Iglesias.
As entradas para este espectáculo, encadrado no programa En Familia de Compostela Cultura, poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C. De existiren aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio o propio sábado a partir das 17.00 horas.