Teatro do Noroeste ofrece este sábado en Compostela o derradeiro pase de Gloria Nacional

A obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela despídese dos escenarios no Teatro Principal tras un xira de catro anos polas contornas galega e estatal
A función pon tamén ao peche ao foco especial que Compostela Cultura dedicou á lonxeva compañía galega esta temporada, inaugurada no mes de xaneiro coa estrea de ‘Guerra’
As entradas para o espectáculo, que arrancará ás 20.30 horas do sábado, poden ser adquiridas de forma anticipada na Zona C e na web compostelacultura.gal 
 

A reflexión sobre o lugar que a creación artística e a cultura ocupan (ou deberían ocupar) na sociedade actual toma forma escénica con Gloria Nacional, un espectáculo da compañía galega Teatro do Noroeste que este sábado, día 24 de maio, se despide do público no Teatro Principal de Compostela. 

Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, quen tamén asume o deseño de iluminación, a obra narra a historia de Uxío Rodas —interpretado por Miguel Pernas— un escultor e pintor de sona internacional, considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional” e que, en plena crise creativa marcada polo descrédito e a desafección cara á implicación política e os valores sociais, asume a encarga de realizar unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital. No proceso de creación desta peza chamada a simbolizar a nación, recibe as visitas e as presións da ministra de Cultura do país, —interpretada por Manuela Varela—, e da súa marchante —á que dá corpo e voz Luma Gómez. 

A relación de servidume das artes coa política, a explotación da liberdade creativa, e as loitas dos creadores contra as súas propias limitacións e a censura soben ao escenario con este traballo que combina humor e crítica social para convidar o público a repensar o papel do artista como artífice de imaxinarios colectivos.

A proposta escénica conta cun espazo sonoro deseñado por Brais Morán, escenografía e vestiario de Equipo Taetro, vídeos de César Seijas e produción de Eva Alonso. Gloria Nacional, é un espectáculo co-producido polo Concello de Narón a través do seu Padroado da Cultura e contou tamén con subvención da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Ames. 

As entradas para este espectáculo, encadrado nos focos ‘Teatro do Noroeste’ e ‘Memoria en Escena’ de Compostela Cultura, poden ser adquiridas de forma anticipada no despacho de billetes na Zona · Punto de Información Cultural (na praza de Cervantes, aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) ou na web compostelacultura.gal. De existiren aínda localidades dispoñibles o día do evento, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 19.30 horas. Ao remate do pase, o equipo creativo da obra participará na sesión de posfunción, unha conversa aberta entre artistas e público para afondar no desenvolvemento deste espectáculo teatral. 

Foco Teatro do Noroeste 

A programación escénica de Compostela Cultura distinguiu en 2025 a traxectoria de Teatro do Noroeste dedicándolle un dos tres focos temáticos da temporada. A lonxeva compañía teatral galega abriu a programación escénica municipal no mes de xaneiro coa estrea absoluta de Guerra, o seu máis recente traballo, que contou con dúas representacións no Teatro Principal. O pase de Gloria Nacional programado neste mesmo espazo esta fin de semana bota o peche a unha xira de catro anos polos escenarios das contornas galega e estatal.

Teatro do Noroeste é unha compañía teatral galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas destacan textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais; e outros máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camus; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.