Teatro, danza e circo en ‘Viva a escena!’ de Compostela Cultura, que ofrece a estrea en Galicia de ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, o último espectáculo de Chévere

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá no Auditorio de Galicia a programación de ‘Viva a escena!’, o programa de Artes Escénicas de Compostela Cultura, para os últimos meses do ano. Serán un total de 6 espectáculos de teatro, danza e circo que se celebrarán nos meses de outubro e novembro no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal; todos ás 20.30 h, agás os familiares que son ás 18.30 h. Entre eles, destaca a estrea en Galicia de ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’, o último espectáculo de Chévere, e por iso participaron na rolda Xesús Ron, dramaturgo e director da obra, así como os actores e actrices da mesma.

A programación comeza o 1 de outubro no Auditorio de Galicia con ‘Los pazos de Ulloa’ e un elenco de luxo formado por Pere Ponce, Marcial Álvarez, Diana Palazón e Francesc Galcerán. Celébrase así a conmemoración dos 100 anos do pasamento de Emilia Pardo Bazán con esta montaxe de altura moi vencellada a Santiago de Compostela. A proposta, adaptada por Eduardo Galán e dirixida por Helena Pimenta, céntrase no enfrontamento entre a crueldade e o desexo, a paixón e o amor, a violencia rural do mundo caciquil e a cortesía e as boas maneiras da cidade.

Tamén en outubro, os días 22, 23 e 24, o Auditorio acolle a estrea en Galicia de ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, o último espectáculo de Chévere, que segue na súa liña de crear ficcións a partir da nosa memoria colectiva e neste caso, buscarán averiguar se a catástrofe do Prestige foi algo máis que unha catástrofe ecolóxica. O día 22, ao remate da función, teremos unha #posfunción dentro do Club C! para charlar co equipo do espectáculo sobre o mesmo.

Para Chévere e en palabras de Xesús Ron "N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes". "Contar esta historia -engade Ron, quen lembrou que a asemblea fundacional da plataforma Burla Negra fora precisamente no Auditorio de Galicia- é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese".

Novembro arrinca o día 19 cando chega ao Auditorio ‘It’s a wrap [Kubrick is dead]’ da compañía de danza La Intrusa, dentro do circuíto de Danza a Escena do Ministerio de Cultura. Nesta ocasión mestúrase a danza con outras disciplinas: elementos escénicos, musicais e audiovisuais. No espectáculo, seis personaxes da filmografía de Kubrick tentan defender a súa identidade tras recibir a nova da morte do autor.

Circo a Escena 
O circo é o protagonista dos tres últimos espectáculos do ciclo, que se celebrarán os días 26, 27 e 28 de novembro en colaboración con Circo a escena, programa do Ministerio de Cultura.
O 26 de novembro, chega ao Teatro Principal ‘Suspensión’ de Nueveuno. Trátase dunha proposta de circo contemporáneo dirixido a público adulto. Cinco homes, normais, cuestionándose, amosando a súa intimidade e espíndose para escoitar. Un espectáculo chamado a transmitir, que busca que o público se poida emocionar.

A proposta do día 27 estará xa dirixida a público infantil e será no Auditorio de Galicia. É o ‘Yolo (You Only Live Once)’ da Compañía Lucas Escobedo, que levou o Premio FETÉN 2019 ao mellor espectáculo de gran formato. YOLO, só se vive unha vez, é un canto á vida a través do circo, un berro para encher o patio de butacas de ilusión. O empurrón que necesitamos para construír os nosos soños.

E o último espectáculo do ano tamén está dirixido a un público familiar e tamén se celebrará no Auditorio de Galicia: ‘Dejà vu’ do Premio Nacional de Circo Manolo Alcántara. Chega a Compostela despois de acadar o Premio FETÉN 2021 á Mellor adaptación de técnicas circenses á nova dramaturxia e o Premio do público 2021 na MIT Ribadavia. Un espectáculo visual, suxestivo, arriscado, sen texto e con música en directo que nos fala da distancia dunha persoa cos seus soños.

Entradas á venda o vindeiro luns
As entradas para todos os espectáculos estarán á venda en compostelacultura.gal o vindeiro luns, 6 de setembro, ás 10.00 h. Modifícase así a tónica habitual dos últimos meses, nos que se poñían as entradas á venda cada semana, por mor das modificacións de aforo propiciadas pola pandemia da Covid-19.

Así mesmo, poderán tamén mercarse de forma presencial na Zona C. Punto de Información Cultural, na Praza de Cervantes, no seu horario habitual (de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h, e os domingos de 11 a 14 h) e desde 1 hora antes do comezo dos espectáculos nos espazos nos que se celebre.

O prezo das entradas é de 3 euros para os familiares (‘YOLO (You Only Live Once)’ e ‘Dejà vu’), e de 10 a 14 euros para os dirixidos a público adulto. Neste caso, aplicaranse os descontos do 50% para os colectivos habituais.

Colaboración institucional
A programación conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Consorcio de Santiago; así coma dos circuítos de Danza a Escena e Circo a Escena de La Red de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales de Titularidad Pública do INAEM, Instituto de Artes Escénicas e Musicais, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte; e a finnciación da Unión Europea NextGenerationEU.

Toda a información e materiais para descargar do ciclo AQUÍ.

 

 

MÁIS INFORMACIÓN
  • O Auditorio de Galicia acollerá os días 22, 23 e 24 de outubro a estrea en Galicia de ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’ de Chévere, espectáculo co que buscan facer memoria colectiva da catástrofe do Prestige e a nosa reacción como pobo

 

  • 'Los pazos de Ulloa’ de Pardo Bazán con adaptación de Eduardo Galán’; ‘It’s a wrap [Kubrick is dead] de La Intrusa Danza; e ‘Suspensión’ de Nueveuno’ completan a programación para adultos; e para público familiar teremos circo con ‘YOLO (You Only Live Once)’ da Cía Lucas Escobedo e ‘Dejà vu’ de Manolo Alcántara