Teatro, autoficción e realismo máxico protagonizan a próxima semana escénica en Compostela

As producións de Bengala Teatro Físico, Columna Balteira e La Contraria achegan ao público tres montaxes que dialogan coa exclusión, a memoria e os trastornos da conduta alimentaria desde linguaxes escénicas moi diversas
As entradas para os espectáculos pódense adquirir de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes na Zona C
 

O Teatro Principal acollerá a próxima semana tres propostas escénicas que afondan en cuestións como a exclusión social, a identidade, o corpo ou os mecanismos de supervivencia individual e colectiva. As montaxes, procedentes de distintas compañías e con linguaxes escénicas moi diversas, conforman un percorrido por universos atravesados pola vulnerabilidade, a memoria e a procura dun lugar propio. Intégranse no Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, unha liña de programación que centra a mirada na creación feita polas xeracións máis novas e dá abeiro a espectáculos que, tanto no estético como no temático, poñen sobre as táboas as súas preocupacións, conflitos e maneiras de afrontar a actualidade. Representan o futuro da escena pero tamén o seu presente: vitalidade, risco e efervescencia creativa.

A compañía lucense Bengala Teatro Físico abre a axenda teatral da semana o xoves 21 con Alicia Wants To.  A peza, dirixida e escrita por An González, combina realismo máxico e crueza social para contar a historia de Alicia, unha adolescente marcada polas drogas, os abusos e a exclusión. A acción arranca no momento en que a protagonista abandona un centro de menores e se reencontra coa súa nai, nun contexto atravesado pola pobreza e pola falta de protección institucional.

Esta montaxe constrúe o relato a través dunha partida de xadrez na que o público participa activamente, tomando decisións que condicionan o desenvolvemento da historia. O elenco está integrado por Andrea Maseda, Estela del Río, Estrella Tomé e Alexia Villar. A función terá lugar ás 20.30 horas e ao remate haberá unha sesión de conversa co equipo artístico da obra.

O venres 22 será a quenda de Nortear, da compañía Columna Balteira, unha proposta escénica onde o político e o onírico dialogan nun espazo habitado por mulleres que buscan un punto no que ancorarse. A peza, dirixida e escrita por Helena Salgueiro, sitúa o público nun territorio atravesado polo espectral e polo etnográfico, onde os corpos transitan, danzan e traballan nun movemento continuo cara á utopía.

Sobre o escenario estarán Alba López, Adriana Rodríguez, Alixa Ladson, Helena Salgueiro e Masako Hattori, acompañadas pola banda sonora de Anne Lèpere e o espazo lumínico de Montse Piñeiro. A representación, tamén no Teatro Principal, comezará ás 20.30 horas e incluirá ao remate unha posfunción aberta ao público.

A programación continuará o sábado 23 de maio con Contra Ana, unha montaxe da compañía La Contraria que se fixo co Premio Max ao mellor espectáculo revelación en 2025. Esta autoficción, que aborda a anorexia e os trastornos da conduta alimentaria desde a experiencia persoal da súa autora, Alma García, revisita o período que a creadora pasou ingresada nunha clínica en Barcelona e reflexiona sobre a identidade, os mecanismos sociais que condicionan a percepción do corpo e a responsabilidade colectiva arredor dos TCA.

Dirixida por Paco Montes, a peza combina teatro, movemento e relato autobiográfico nunha proposta interpretada por Carmen Climent, Alma García, León Molina, Jone Laspiur ou Beatriz Justamante e Cristian Olarte. A función será igualmente ás 20.30 horas no Teatro Principal.

As entradas para os tres espectáculos pódense adquirir de forma anticipada en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e, en caso de existir aínda localidades dispoñibles, tamén no propio Teatro desde unha hora antes do inicio das funcións. O prezo é de 12 €, con descontos dispoñibles do 50 % para diferentes colectivos sociais.