

Do 1 ao 5 de decembro, a sétima edición deste ciclo ofrecerá visitas guiadas a espazos históricos normalmente pechados ao público xeral ou con acceso restrinxido
Haberá máis de 700 prazas distribuídas en grupos reducidos para garantir a calidade da visita e a protección dos bens culturais
Todas as visitas son de balde e a reserva de prazas estará dispoñible dende o xoves 27 de novembro ás 12.00 horas en patrimonioinvisible.gal
Compostela volverá abrir neste mes de decembro as portas do seu legado menos visible coa VII Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de diferentes entidades. Do 1 ao 5 de decembro, ofrecerá máis de 700 prazas nun percorrido único por edificios, espazos arqueolóxicos, institucións e infraestruturas históricas normalmente fechadas ao público, para achegar o patrimonio máis oculto á cidadanía e visitantes de Compostela.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas e o xestor cultural de Trivium, Manuel Rial, presentaron este mércores en rolda de prensa o programa completo desta edición especial que coincide co 40 aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.
A dicir de Louzao, o programa permite “entrar en lugares fundamentais para afondar na historia da cidade e na nosa memoria” e “reivindicar a vastísima riqueza cultural desta cidade orgullosa de si”. Para a concelleira, estes percorridos pola cara oculta da cidade “convidan a cidadanía e visitantes a vela con novos ollos, a facer seus lugares cargados de historia, e a reforzar ese vínculo emocional que nos une a esta Compostela que sempre nos sorprende”.
O deputado provincial Xosé Penas salientou que “calquera iniciativa que fagamos dende as administracións públicas nunca serán suficiente para traballar canto é preciso co patrimonio visible e invisible” e, nese senso, apuntou que este programa cumpre cun dobre obxectivo, “o de visibilizar ese patrimonio para que que o gran público poida entrar e, ao mesmo tempo, protexelo, porque facemos que estea vivo”.
Sete tesouros abertos por primeira vez
Nesta sétima edición, máis de 700 persoas poderán participar nas visitas a unha ducia de propostas diferentes, entre as que se inclúen sete espazos singulares que serán abertos ao público por primeira vez no formato de visita guiada exclusiva da Semana do Patrimonio Invisible: o Pazo Arcebispal, as Escavacións da Catedral, o Auditorio de Galicia, a Compañía de María, a Casa da Parra, a Colexiata do Sar e un que se garda aínda como visita secreta.
Unha ducia de experiencias exclusivas
O programa complétase ata compor a ducia de propostas con algunhas das experiencias máis valoradas polas persoas participantes en anteriores edicións, como os Mananciais de Compostela, o CSC da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal
Ademais destas visitas a espazos exclusivos, normalmente fechados ou de acceso restrinxido, en 2025 a Semana do Patrimonio Invisible contará cun itinerario especial denominado Santiago Patrimonio Mundial, que precisamente afondará no significado desa declaración da UNESCO no seu 40 aniversario.
Reservas e información
Para garantir a calidade das visitas e a protección dos bens culturais, o acceso realizarase en 53 grupos pequenos, en horarios de mañá e tarde con prazas limitadas. Para participar en calquera dos grupos, é preciso realizar inscrición previa a través do formulario de reservas que estará dispoñible o xoves 27 de novembro, ás 12 horas en patrimonioinvisible.gal. Co gallo facilitar o acceso á actividade ao maior número de persoas posible, cada solicitante poderá reservar un máximo dunha visita para dúas persoas.