

A peza conta con dramaturxia de dirección de Ánxeles Cuña Bóveda a partir do texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig traducido por Catuxa López Pato
Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu dan vida a dezasete personaxes nun xogo escénico de gran virtuosismo
Entradas xa á venda por 12 euros en compostelacultura.gal e nos despachos habituais, con descontos do 50% para distintos colectivos
O Teatro Principal acolle os días 27 e 28 de febreiro, ás 20.30 horas, dúas representacións d’O Dragón de Ouro, a celebrada montaxe de Sarabela Teatro a partir do texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, un dos autores europeos máis representados da escena contemporánea. Ao remate do pase do venres 27 haberá unha posfunción, un espazo de encontro co público para afondar nos pormenores da creación da peza.
Traxedia contemporánea performática con elementos grotescos, a obra propón un xogo escénico de gran precisión formal e forte impacto emocional. A acción sitúanos nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa. Na cociña dun restaurante de comida rápida tailandés-chinés-vietnamita chamado O Dragón de Ouro, un mozo chinés sofre unha intensa dor de moa. Sen permiso de residencia, sen cartos e sen acceso a un dentista, os seus compañeiros deciden arrincarlla. Ao mesmo tempo, busca a súa irmá desaparecida. Ao seu redor, as historias multiplícanse: no balcón superior, un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, embarazada, afronta a ruptura coa súa parella; noutro piso, un home abandonado visita un tendeiro enigmático que explota unha moza chinesa; dúas azafatas cean no restaurante e unha delas atopa unha moa na súa sopa, que decide gardar.
Intercalada entre as escenas, a fábula da cigarra e a formiga introdúcese como espello metafórico e subversivo da acción principal, cuestionando a deshumanización, a explotación e as relacións de poder. O relato avanza cunha estrutura fragmentada e cinematográfica, con rápidos cambios de plano e unha mestura de narración, interpretación e comentario directo ao público. Cinco intérpretes dan vida a dezasete personaxes en catorce espazos e corenta e oito escenas, nun exercicio de transformación constante de identidades, idades e xéneros.
A montaxe, con tradución de Catuxa López Pato e dramaturxia e dirección de Ánxeles Cuña Bóveda, – finalista for este traballo á mellor dirección nos Premios ADE (Asociación de Directores e directoras de escena de España), combina humor fino e crueza, fantasía e realidade condensada, nunha proposta que interpela e conmove, abrindo espazos para a reflexión sobre a inmigración ilegal, a prostitución forzada e a fraxilidade das relacións humanas.
A crítica destacou a capacidade do texto para construír unha viaxe de ida e volta entre Europa e Asia, así como a complexidade da súa estrutura en distintos planos de representación. Baixo a dirección de Cuña, os niveis narrativos quedan claramente delimitados, permitindo que as e os intérpretes entren e saian das súas personaxes con liberdade e virtuosismo, nun dispositivo escénico que dialoga coa tradición brechtiana e coa estética do cabaré contemporáneo. O resultado é unha experiencia teatral intensa, lúdica e profundamente conmovedora.
O elenco está integrado por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu. A escenografía e vídeo arte son de Iris Branco; o deseño de iluminación, de Laura Iturralde; o vestiario, de Ruth Díaz Pereira; o asesoramento do movemento, de Rut Balbís; o asesoramento de texto, de María Peinado; o campo sonoro, de Renata Codda Font; e a composición musical, de Vadzim Yuknhevich. O equipo técnico de luz e son está formado por José Bayón e Rubén Dobaño, e a produción corre tamén ao cargo de Fina Calleja.
O espectáculo, recomendado por La Red Española de Teatros, Auditorios y Festivales de Titularidad Pública, está tamén integrado na Rede Galega de Teatros e Auditorios e forma parte da programación escénica municipal que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago e da Deputación da Coruña.
Venda de entradas
As entradas para cada pase, o venres 27 e o sábado 28 ás 20.30 horas no Teatro Principal, teñen unh prezo xeral de 12 euros. Aplícanse descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.
Poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (Punto de Información Cultural), de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, así como no do Teatro Principal o propio día do espectáculo desde unha hora antes do comezo. Prégase o uso preferente da web para a compra de entradas.