Salvador Sobral presenta ‘Timbre’ no Auditorio de Galicia

•    O compositor e intérprete portugués ofrecerá un novo concerto en Compostela este sábado ás 20.30 horas
•    As entradas aínda poden adquirirse a través do portal ataquilla.com e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día do concerto
 

Salvador Sobral regresa a Compostela para presentar ao público o seu cuarto álbum de estudio. ‘Timbre’ recolle a faceta máis íntima do compositor e intérprete portugués e inclúe once novas cancións orixinais, dez delas compostas en colaboración con Leo Aldrey, quen tamén asina a produción do álbum, e unha composta por Luisa Sobral. O disco conta tamén coas colaboracións de Sílvia Pérez Cruz, Jorge Drexler, Silvana Estrada e Barbara Pravi. 

En palabras do propio Sobral, o nome deste traballo débese a dúas razón principais: “primeiramente, eu sou cantor, un intérprete e aquilo que máis me define e distingue é a miña voz, o meu timbre. A segunda razón é o feito de me interesar o concepto de timbre en canto a cor, a cor da voz, a cor dos instrumentos. O disco será como unha paleta colorida de timbres que disparan claridade”. 

O concerto de Santiago, o único anunciado en Galicia polo momento, terá lugar na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o sábado 23 de marzo ás 20.30 horas. As entradas poden ser adquiridas no portal en ataquilla.com e no despacho de billetes do Auditorio o propio día do evento dende unha hora antes do seu comezo.


Imaxe: Adolfo Bueno e Corina Clamens