A Sala Mozart renóvase a través da AGADIC con fondos Next Generation EU e do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia

A dotación dun sistema de procesamento e control dixital de todos os elementos deste espazo do Auditorio de Galicia permitirá maior versatilidade na montaxe, realización e posta en marcha dos espectáculos teatrais, concertos e eventos que abeira

O Auditorio de Galicia acomete no período 2024-2025 traballos de dixitalización da Sala Mozart grazas a unha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGeneration da Unión Europea e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241

A reforma ten por obxectivo a modernización e implantación de sistemas de xestión dixital de iluminación, son e vídeo da sala, co gallo permitir unha maior versatilidade na montaxe, realización e posta en marcha dos espectáculos teatrais, concertos e eventos que acolle, favorecendo a redución de horas do persoal técnico. 

Alén de actualizar os sistemas de audio e comunicacións en rede con novos equipos de son e monitoraxe, modernizararase tamén o sistema de iluminación dixital con dispositivos que melloran substancialmente o tempo de montaxe, o filtrado e enfoque da luz e o consumo de electricidade, alén de permitir programacións complexas que abren a porta a novas posibilidades artísticas. A renovación dos sistemas de vídeo dixital mellorará, a semade, a capacidade de proxección na sala ao tempo que favorece a implementación de programas de sincronización de espectáculos, reduce a contaminación acústica e a xeración de residuos, ao incorporar lámpadas con maior vida últil.

O custo total da realización destas melloras ascende a 69 941'01 € , dos que AGADIC achega o 57'19% en dúas anualidades: 15 000 euros en 2004 e 25 000 en 2005. 

Sala Mozart

A sala máis pequena das que dispón o Auditorio para a realización de espectáculos, conta con 234 butacas (dúas delas para cadeiras de rodas) e e resulta apropiada para concertos, conferencias, ensaios e funcións teatrais, entre outras actividades. Na actualidade é a sala de ensaio habitual da Banda Municipal de Música de Santiago, alén do espazo escollido para presentar ao público familiar a meirande parte das propostas da programación En Familia e para desenvolver os concertos do ciclo Contemporáneas.