

Trátase dun repertorio inspirado no concepto da luz, con obras de Santiago Lanchares, Alicia Díaz de la Fuente e Esteban Sanz
A gravación reforza a aposta da Real Filharmonía de Galicia pola difusión do patrimonio musical actual
A Real Filharmonía de Galicia participa esta semana nun novo proxecto discográfico xunto ao director José Luis Temes, consolidando así unha colaboración artística iniciada en 2024 coa recuperación das catro sinfonías de María Luisa de Borbón. Se naquela ocasión o traballo conxunto permitiu rescatar un corpus fundamental do clasicismo español, esta nova gravación céntrase agora na creación contemporánea e na música de tres compositores actuais do panorama estatal.
O novo proxecto articúlase arredor dun fío temático común: o concepto da luz entendido como elemento espiritual, simbólico e expresivo. Esta idea vertebra as tres obras escollidas para a gravación, todas elas vinculadas explicitamente ao termo «luz» nos seus títulos e cunha forte carga evocadora e introspectiva.
A primeira das composicións é En busca de la Luz, de Santiago Lanchares (Palencia, 1952), unha obra encargada pola Semana de Música Relixiosa de Cuenca en 2024. A peza nace da inspiración do compositor tras unha viaxe a Irán e toma como punto de partida unha colección de música relixiosa persa. A obra foi estreada pola Orquesta RTVE baixo a dirección de José Luis Temes.
Completa o repertorio Y la mañana se llenó de Luz, de Alicia Díaz de la Fuente (Madrid, 1967), un encargo da Orquesta Nacional de España estreado en 2021 baixo a dirección de Álvaro Albiach. A obra propón unha paisaxe sonora marcada pola luminosidade, a transformación e a forza expresiva da orquestra.
A terceira peza é Luz o herida II, de Esteban Sanz (Maracaibo, 1960), compositor estreitamente vinculado a Cantabria. Trátase dunha orquestración dunha obra anterior para corda soa que reflexiona sobre a posibilidade de transformar unha experiencia traumática nun novo horizonte vital. A composición foi estreada por José Luis Temes en 2024 á fronte da Orquesta RTVE.
Con esta nova gravación, a Real Filharmonía de Galicia reafirma o seu compromiso coa creación musical contemporánea e coa difusión do repertorio español, participando activamente en proxectos que contribúen á posta en valor do patrimonio sonoro actual. Ao mesmo tempo, a colaboración con José Luis Temes consolida unha liña de traballo compartida arredor da recuperación, interpretación e proxección da música española.