A Real Filharmonía de Galicia volve achegar a música clásica aos espazos comunitarios dos barrios composteláns

A Orquestra ofrecerá esta semana tres concertos con entrada de balde na Casa das Máquinas de Galeras, no Centro Sociocultural Santa Marta e na igrexa de Santa María da Mercé de Conxo

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana unha serie de concertos nos barrios composteláns co fin de achegar a música clásica a toda a cidadanía santiaguesa. Serán este mércores 18, o xoves 19 e o venres 20 de setembro. As actuacións terán lugar na Casa de Máquinas de Galeras, no Centro Sociocultural Santa Marta e na igrexa de Santa María da Mercé de Conxo, todas elas a partir das 20 horas.

Con esta iniciativa, a RFG traspasa as portas da súa sede, o Auditorio Galicia, co obxectivo de expandir a súa presenza a outros espazos da cidade alén e consolidarse como unha entidade musical aberta.
 
Nesta ocasión, será o director asistente da RFG, Sebastian Zinca, quen conduza a batuta para guiar a orquestra na interpretación de obras de Ludwig van Beethoven, Franz Schubert, Giacomo Puccini e Amy Beach. Todas estas composicións fan parte do repertorio da nova temporada 2024-2025 da RFG e serán presentadas nesta ocasión no formato dun concerto máis reducido e cunha breve explicación para facilitar a súa comprensión por parte público.

Estas tres presentacións servirán de limiar á nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que leva por título ‘Inconformistas’ . Ata o venres 20 está aberta a posibilidade de mercar novos abonos para esta tempada no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, en horario de 10 a 14 horas, e na Zona C (aberta de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas).