

As oito persoas seleccionadas para esta convocatoria son homes e mulleres de diferentes países (Alemaña, Cuba, España, Italia e Suíza)
A fase final do proceso celebrarase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, do 8 ao 11 de decembro de 2025
A Real Filharmonía de Galicia acaba de pechar a convocatoria para a selección de director/a asistente para a anualidade 2026-2027, un proceso no que que participaron 81 aspirantes, consolidando o prestixio e a proxección internacional do proxecto artístico da formación galega.
Despois da avaliación das candidaturas, a RFG seleccionou oito finalistas, que serán convidados a participar na fase final do proceso. Esta desenvolverase de forma presencial no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, do 8 ao 11 de decembro de 2025, onde as e os aspirantes traballarán xunto cos intérpretes da orquestra e co seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann.
Stefano Boccacci, Rosina Flueckiger, Javier Huerta Gimeno, Daniel Huertas Ferrer, Xaime Irisarri, Gena Liévano, César Ramos e Leonard David Wacker son as persoas seleccionadas nesta ocasión.
Ao finalizar os 4 días de traballo, realizarase un concerto aberto ao público coa participación da Real Filharmonía de Galicia. Na ocasión o programa elixido contará con obras de György Ligeti e Ludwig van Beethoven, ademais da estrea absoluta dunha peza de Joan Magrané dentro do proxecto conmemorativo polo 30 aniversario da RFG, Cometas. O recital terá lugar o día 11 de decembro, ás 20.30 h no Auditorio de Galicia e será precedido por outra edición do formato “Conversando con...” onde os asistentes poderán intercambiar ideas e facer preguntas ás e aos finalistas.
O posto de dirección asistente supón unha oportunidade única de formación práctica en todos os aspectos do traballo musical profesional —dirección, programación e colaboración artística— e, ao mesmo tempo, unha fonte de renovación e inspiración para o propio conxunto.
Con iniciativas coma esta, a Real Filharmonía de Galicia consolídase como unha orquestra aberta, dinámica e comprometida co futuro da música, reafirmando o seu papel como referente cultural e espazo de aprendizaxe para o talento emerxente.