A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe á música popular latinoamericana

Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, levará a batuta do concerto ‘Sons latinoamericanos’, que contará coa actuación do barítono Darío Solari

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves o programa 'Sons latinoamericanos', unha homenaxe á música popular do continente a través das obras de José Pablo Moncayo, Vicente Ascone, Alberto Ginasterra, Adolfo Mejía e Arturo Márquez. Baldur Brönnimann dirixirá a RFG neste concerto que contará coa voz do recoñecido barítono uruguaio Darío Solari e que arrancará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio. 

O programa, integrado na temporada ‘Migracións’ da Real Filharmonía de Galicia, fía obras de compositores orixinarios de países receptores da masiva migración galega do pasado século: Arxentina, México, Uruguai e tamén, en menor medida, Colombia. O Huagango, de Moncayo abrirá a noite para dar despois paso ás cinco canciones al estilo popular rioplatense de Ascone. A seguir, a orquestra interpretará o ballet completo Estancia, op. 8, de Ginasterra e a Acuarela, de A. Mejía para pechar  a velada co Danzón. núm. 2 de A. Márquez. A proposta busca romper co eurocentrismo dominante na maioría de temporadas de música clásica occidental, dando cabida deste xeito a autores doutras latitudes e dar ao público a oportunidade de transportarse a esas culturas a partir do coñecemento dos seus ritmos populares.

A partir das 19.45 horas, Solari e Brönnimann participarán no faladoiro 'Conversando con...', un encontro aberto ao público para afondar nas obras que conforman no programa e na traxectoria do solista convidado. Desenvolverase na Sala Mozart do Auditorio e a participación é de balde para o público asistente ao concerto. 

 

Darío Solari

Orixinario de Montevideo (Uruguai), Darío Solari é un dos intérpretes máis importantes do repertorio de Verdi e bel canto para barítono. Entre os seus logros, destácase o premio ao mellor novo cantante no concurso Ferruccio Tagliavini en Deutschlandberg e tamén nos concursos internacionais Tito Schipa, en Lecce, e Iris Adami Corradetti, en Padua. 

Entre as súas actuacións máis destacadas atópanse a interpretación de Macbeth no Teatro dell'Opera dei Roma, baixo a dirección de Riccardo Muti, e no Teatro Comunale de Boloña, dirixido por Robert Wilson e baixo a batuta de Roberto Abbado; Don Carlo (no papel de Rodrigo) coa Orquestra Filarmónica de Israel en Tel Aviv dirixida por Zubin Mehta; Carmen (no papel de Escamillo) no Maggio Musicale Fiorentino e na Arena de Verona; Madam Butterfly (Sharpless) na Deutsche Oper Berlin; e Don Pasquale (Malatesta) na Ópera de Monte-Carlo, entre outros. Entre os seus plans recentes e futuros atópanse Aida (Amonasro) e Simon Boccanegra no Teatro Comunale de Bolonia; Tosca (Barón Scarpia - debut no papel) na Oper Frankfurt; Il trovatore (Conte di Luna) no Teatro Comunale de Boloña.

Entradas

As entradas para o concerto poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) ou no do Auditorio de Galicia (o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).