A Real Filharmonía de Galicia presenta, xunto á compañía teatral La Maquiné, o espectáculo “Parade, o Circo dos Valentes”

O concerto, integrado no programa didáctico de Compostela Cultura, terá catro funcións dirixidas a centros de ensino o xoves 20 e venres 21 ás 10 e ás 12 horas no Auditorio de Galicia 

O sábado 22 ás 18.00 horas farase un novo pase na Sala Ángel Brage, desta volta aberto ao público xeral e con prezo reducido 

A Real Filharmonía de Galicia ofrece un total de cinco concertos esta semana, catro deles destinados a centros educativos e outro aberto ao público familiar e enmarcado na programación En Familia de Compostela Cultura

O espectáculo, que se atopa dentro do programa didáctico que o Auditorio de Galicia dirixe a centros de ensino da contorna compostelá e galega, terá lugar o xoves 20 e o venres 21 ás 10 h e ás 12 h (para os centros educativos que o solicitaron) e, ademais, haberá outro aberto ao público familiar o sábado ás 18.00 h. Para este último concerto a venda de entradas está aberta a través da propia web de Compostela Cultura e tamén nos despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.

A compañía de artes escénicas La Maquiné artella unha montaxe teatral que conta a historia do tío Pepe e do pallaso Chochotte, unha parella de comediantes que chegan á praza da vila e montan a súa pequena carpa de circo. Ao darse conta que todos os artistas da compañía están desaparecidos, recorren a súa única atracción, Babar, un pequeno elefante que quere ser artista pero que ten medo á pista. A través da improvisación, a dupla segue a función para tratar de convencer ao paquidermo para que realice o seu número e poder, así, cobrar algo de diñeiro para comer.

Na ocasión, contarase coa actuación dos actores Joaquín Casanova e Elisa Ramos e a dirección do mestre José López-Montes. O público que se achegue ao Auditorio de Galicia para gozar do concerto escoitará obras de Stravinski, Satie e Poulenc.