A Real Filharmonía de Galicia navega entre tradición e vangarda nun programa inspirado no mar

O programa “Mares de historias” une composicións actuais con grandes obras de Benjamin Britten e Jean Sibelius

O concerto terá lugar xoves 23 ás 20.30 horas baixo a dirección de Paul Daniel

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana un novo programa que convida ao público a realizar unha viaxe sonora entre o presente e o pasado, con Galicia e o norte de Europa como puntos de encontro e o mar como fío condutor. Baixo a batuta de Paul Daniel, a orquestra ofrecerá o xoves 23, ás 20.30 horas, un repertorio que combina creación actual e grandes clásicos sinfónicos europeos.

O programa ábrese coa estrea absoluta de Alalá, do compositor vasco Gabriel Erkoreka, unha obra do "Cometas” que revisita a tradición musical galega desde unha perspectiva contemporánea, integrando elementos do folclore como os bordóns, patróns melódicos e rítmicos característicos ou o uso de percusión tradicional. A continuación, interpretarase Mar ao Norde, de Fernando Buide, unha obra inspirada no poemario homónimo de Álvaro Cunqueiro que evoca atmosferas ligadas ao mar e á noite, cun destacado protagonismo da sección de violonchelos.

A segunda parte do concerto traslada ao público ao repertorio sinfónico internacional con dúas obras de referencia. Por unha banda, os Catro interludios mariños da ópera Peter Grimes de Benjamin Britten, unha serie de escenas orquestrais que describen diferentes paisaxes e estados de ánimo vinculados á vida mariñeira. Por outra, a Sinfonía nº 3 en Do maior, Op. 52 de Jean Sibelius, unha das obras máis representativas do compositor finlandés, que combina claridade formal e intensidade expresiva nunha linguaxe afastada do romanticismo máis expansivo.

En conxunto, o programa propón unha sucesión de “microrrelatos” musicais que conectan distintas épocas, estilos e territorios, mantendo sempre a presenza evocadora do mar como elemento común.

Antes do concerto, a partir das 19.45 horas, a Sala Mozart acollerá unha nova sesión do “Conversando con…”, que contará coa participación de Paul Daniel, Gabriel Erkoreka e Fernando Buide. 

Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 15€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).