

O cuarteto de saxofóns Kebyart, baixo a dirección de Sebastian Zinca, protagoniza un programa monográfico dedicado a un dos grandes referentes do minimalismo
O concerto será este venres, 13 de febreiro, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, con entradas a 15€ ou 21€ con opción de consumir un petisco e unha bebida na Cafetería Lasso
A Real Filharmonía de Galicia continúa este venres 13 de febreiro o percorrido do ciclo (EN)FOCO cunha nova parada que nos convida a escoitar doutra maneira. A cita será ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e estará dedicada á figura de Philip Glass, unha das voces decisivas da música das últimas décadas e referente incontornable do minimalismo.
(EN)FOCO propón algo máis ca un concerto: un tempo para deter o ritmo e deixarse atravesar pola música. Nesta ocasión, baixo a dirección de Sebastian Zinca, a orquestra contará coa complicidade do cuarteto de saxofóns Kebyart, unha das formacións máis estimulantes da súa xeración, recoñecida pola súa precisión, versatilidade e capacidade para expandir os límites do repertorio.
O programa percorre algunhas das claves da linguaxe de Glass: a repetición como pulso vital, a claridade das texturas, os procesos que medran a partir de pequenas variacións e que transforman a percepción do tempo. Soarán Company, na súa versión para orquestra de corda; Concerto Grosso, onde diferentes familias instrumentais dialogan e se alternan no protagonismo; e o Concerto para cuarteto de saxofóns, unha obra de madurez que explora as posibilidades expresivas do soprano, alto, tenor e barítono, combinando lirismo, enerxía rítmica e ecos do jazz.
O minimalismo —desenvolvido tamén por figuras como La Monte Young, Terry Riley e Steve Reich— abriu unha nova forma de escoita, centrada nos procesos e nas transformacións graduais. No caso de Glass, a súa traxectoria entre Baltimore, Nova York, París e a India, e o seu diálogo co músico Ravi Shankar, deu lugar a unha obra que transcende o ámbito estritamente contemporáneo para dialogar co cine, a ópera e a cultura popular.
As entradas teñen un prezo de 15 €, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 e membros de familias monoparentais ou numerosas. Poden adquirirse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, o propio día do concerto desde unha hora antes do seu comezo).
Como é habitual no ciclo, existe tamén a modalidade ampliada por 21 €, que inclúe concerto e petisco con bebida na Cafetería Lasso, convertendo a velada nun espazo de encontro e conversa arredor da música.
Este segundo concerto de (EN)FOCO é, así, unha invitación a entrar nun universo sonoro hipnótico e preciso, no que o tempo se dilata e a escoita se converte nunha experiencia compartida.