

A orquestra ofrecerá un programa sorpresa con obras especialmente seleccionadas para a ocasión, pensado para emocionar e achegar a música clásica a todos os públicos
A soprano checa Lada Bočková, gañadora do VIII Concurso Internacional de Canto Compostela Lírica, participará como artista convidada nun concerto gratuíto o mércores 22 de xullo, ás 20.00 horas
A Real Filharmonía de Galicia volverá ser protagonista das Festas do Apóstolo co seu tradicional concerto ao aire libre na Praza da Quintana, unha das citas culturais máis agardadas do verán compostelán. A actuación celebrarase o mércores 22 de xullo, ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.
Tras o éxito da pasada edición, a orquestra regresa á Quintana cun programa sorpresa especialmente deseñado para esta ocasión. O público poderá gozar dunha selección de obras moi coñecidas e emocionantes, pensadas para conectar con espectadores de todas as idades e converter esta velada nunha auténtica celebración da música en directo.
Baixo a dirección do mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, o concerto contará coa participación da soprano checa Lada Bočková, unha das voces emerxentes máis destacadas da súa xeración e gañadora do VIII Concurso Internacional de Canto Compostela Lírica, celebrado en Santiago de Compostela. Cunha sólida traxectoria internacional, Bočková desenvolve actualmente a súa carreira en importantes teatros europeos, interpretando algúns dos grandes papeis do repertorio operístico, e a súa presenza constitúe un dos grandes atractivos desta edición.
Este concerto representa unha oportunidade única para que veciños, veciñas e visitantes poidan coñecer de preto o traballo da Real Filharmonía de Galicia, unha formación que leva máis de tres décadas facendo da música un espazo de encontreo entre artistas, públicos e territorio. A celebración ao aire libre permite, ademais, achegar a música sinfónica a novos públicos e compartir unha experiencia cultural nun dos espazos máis emblemáticos de Santiago de Compostela.
A iniciativa reafirma o compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa difusión da música e coa apertura da cultura a toda a sociedade, facendo das Festas do Apóstolo un escenario privilexiado para desfrutar da calidade artística da orquestra nun ambiente festivo e participativo.
Próximos concertos
Tras o concerto das Festas do Apóstolo, a Real Filharmonía de Galicia continuará a súa programación estival con novas actuacións en diferentes festivais galegos. O 29 de xullo, ás 20.30 horas, participará no Noia Harp Fest, no Teatro Coliseo Noela (Noia); o 7 de agosto, ás 20.30 horas, ofrecerá un concerto no Galicia Clarinet Fest, no Auditorio de Lalín; e o 13 de agosto, ás 21.00 horas, actuará no Festival Bal y Gay, na Igrexa de Santa María do Campo (Ribadeo).