A Real Filharmonía de Galicia e Seckou Keita estrean “Rapsodias africanas”

A orquesta galega e o intérprete de kora senegalés exploran novos horizontes sonoros baixo a batuta de Clark Rundell

Venres 10 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, con entradas a 15€ ou 21€ con opción de consumir un petisco e unha bebida na Cafetería Lasso
 

A Real Filharmonía de Galicia pecha o ciclo (EN)FOCO cunha proposta singular que convida a viaxar sen saír da butaca. (EN)FOCO #3: Rapsodias africanas presenta un encontro entre tradición e vangarda arredor da kora, nun concerto comentado que busca achegar a música e as súas claves a todos os públicos. A cita terá lugar o venres 10 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia.

Este programa supón a estrea estatal de Rapsodias africanas, con arranxos de Davide Mantovani, un programa que propón un diálogo sonoro entre culturas e estilos. A kora, protagonista da noite, é un instrumento tradicional da África occidental, a medio camiño entre a arpa e o laúde, cun son hipnótico e delicado que conecta coas raíces máis fondas da tradición griot.

O encargado de dar vida a este universo sonoro é Seckou Keita, un dos grandes referentes internacionais da kora. Nado en Senegal no seo dunha familia de reis e músicos griot, Keita destaca pola súa capacidade para fusionar séculos de tradición cunha visión contemporánea. Coas súas afinacións anovadoras e unha técnica extraordinaria, ampliou as posibilidades expresivas do instrumento, levándoo a escenarios de todo o mundo e colaborando con figuras destacadas de múltiples xéneros. En Rapsodias africanas, Keita combina todas estas influencias nunha proposta artística que mantén a raíz tradicional ao tempo que explora novos camiños sonoros.

O concerto contará tamén coa participación do percusionista Momi Maiga, que contribuirá a enriquecer a proposta sonora cunha achega rítmica que dialoga coa kora e coa orquestra, ampliando aínda máis o abano expresivo do programa.

Á fronte da Real Filharmonía de Galicia estará Clark Rundell, director cunha ampla traxectoria internacional e recoñecido pola súa versatilidade. Cun repertorio que abrangue desde o século XVIII ata a música contemporánea, Rundell é un firme defensor da creación actual e da conexión entre estilos e culturas. A súa experiencia con grandes orquestras e proxectos multidisciplinares convérteo nun guía ideal para esta viaxe musical aberta e innovadora.

Ademais, o público poderá asistir a un preconcerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a cargo do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, que interpretará o Quinteto de corda núm. 2 en Sol maior, op. 77 de Antonín Dvořák.

As entradas teñen un prezo de 15€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Cómpre indicar que haberá outra modalidade de acceso para este ciclo, onde o público poderá adquirir unha entrada con petisco e bebida (21€). Así, a experiencia poderá prolongarse máis alá da música grazas á opción de alargar a velada na Cafetería Lasso, localizada no propio Auditorio de Galicia, un espazo pensado para compartir impresións e continuar a conversa nun ambiente cultural aberto e acolledor.

Con esta proposta, a Real Filharmonía de Galicia reafirma o seu compromiso cunha programación diversa e accesible, na que a música se converte nun punto de encontro entre culturas, tradicións e públicos.