A Real Filharmonía de Galicia debuxa un “Retrato da natureza” baixo a dirección de Amandine Beyer

Rameau, Leclair, Muffat e Knecht protagonizan un programa que percorre o Barroco europeo para explorar, a través da música, a forza evocadora da paisaxe sonora e das imaxes da natureza

Os concertos terán lugar o xoves 19 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 20 no Auditorio de Vilagarcía, ambos ás 20.30 horas

A Real Filharmonía de Galicia regresa esta semana á súa temporada Historias cun programa que propón unha escoita evocadora e suxestiva arredor da natureza. Baixo o título Retrato da natureza, a formación estará dirixida pola violinista e directora Amandine Beyer, unha das figuras máis destacadas da interpretación historicista.

O concerto poderá escoitarse o xoves 19 de marzo no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e o venres 20 no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, en ambos os casos ás 20.30 horas.

A proposta constrúe un percorrido musical polos séculos XVII e XVIII a través de obras de Jean-Philippe Rameau, Jean-Marie Leclair, Georg Muffat e Justin Heinrich Knecht, trazando un diálogo entre a música e as imaxes sonoras da natureza. Desde a vitalidade e riqueza orquestral do Barroco ata as primeiras formas da música programática, o programa convida a unha experiencia sensorial que transita entre a evocación, a descrición e a emoción.

Abrirá o concerto a suite da ópera Naïs de Rameau, á que seguirá o Concerto para violín en la menor núm. 5 de Leclair, unha peza que combina refinamento e virtuosismo. A primeira parte complétase co Concerto grosso núm. 12 de Muffat, exemplo do diálogo entre estilos europeos no Barroco. Xa na segunda parte, a Sinfonía Pastoral de Knecht mergulla o público nun relato musical que recrea escenas naturais como o canto dos paxaros, a tormenta ou un himno final de agradecemento.

Como antesala ao concerto en Santiago, a Sala Mozart acollerá ás 19.30 horas un preconcerto a cargo do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Baixo a dirección da propia Amandine Beyer e coa participación do bailarín e musicólogo Oliver Foures, interpretaranse obras de Rameau, Vivaldi, Heinichen, Pisendel e Albinoni.

Con máis de dúas décadas de traxectoria internacional, Amandine Beyer ten actuado en escenarios de referencia como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York ou o Wigmore Hall de Londres. Fundadora do grupo Gli Incogniti, desenvolve un intenso labor como intérprete, directora e pedagoga, cunha especial atención ao repertorio barroco e clásico desde unha perspectiva historicamente informada.

As entradas para o concerto en Santiago teñen un prezo de 18 euros, con descontos do 50 % para diferentes colectivos, e poden adquirirse a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste último caso, o propio día do concerto desde unha hora antes do seu inicio). 

Na imaxe, Amandine Beyer, fotografada por Óscar Vázquez