

O programa Máis Alá inclúe a estrea absoluta a obra Endurance' do compositor galego Miguel Matamoro, alén de Les Nuits d’été, de Hector Berlioz, e a Sinfonía núm. 5 de Ludwig van Beethoven
O concerto, programado este xoves 29 de maio no Auditorio de Galicia, contará coa actuación da mezzosoprano Marie-Claude Chappuis
A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana o último concerto da súa actual temporada de abono ‘Inconformistas’. O titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, tomará de novo a batuta da orquestra nun recital que contará coa interpretación da mezzosoprano suíza Marie-Claude Chappuis.
Baixo o título ‘Máis alá’, o programa inclúe a estrea absoluta da obra Endurance, do compositor vigués Miguel Matamoro e tamén as obras Les Nuits d’été, de Hector Berlioz, e a Sinfonía núm. 5 de Ludwig van Beethoven, coñecidos ambos os dous pola súa actitude desafiante ante as normas que rexían na súa época o repertorio orquestral.
O concerto terá lugar na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o no día central das Festas da Ascensión, o xoves 29 de maio ás 20.30 h. Un chisco antes, ás 19.45 horas, Baldur Brönnimann e Miguel Matamoro manterán un encontro co público na sesión 'Conversando con...' na Sala Mozart.
As entradas para o evento poden ser adquiridas (18 €) de forma anticipada na web de Compostela Cultural e no despacho de billetes da Zona C. Tamén estarán á venda no propio Auditorio o día do evento dende as 19.30 horas.
Un compostitor galego de proxección internacional
Miguel Matamoro (1991) comezou os seus estudos de música en Vigo. É licenciado en Composición polo Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene), onde foi alumno de músicos como Ramón Lazkano e Gabriel Erkoreka.
O seu repertorio abarca música de cámara, sinfónica e solo, ademais de electrónica e vídeo-arte. As súas pezas foron interpretadas en festivais, ciclos e auditorios de España, Francia, Italia, Canadá, México, EEUU e a República Checa. Entre eles destacan a Quincena Musical de San Sebastián, o ciclo de música Contemporánea da Fundación BBVA, o Ciclo de Música Contemporánea de Musikagileak, a Fundación Juan March, o Festival Resis da Coruña, a Mostra Sonora, o festival Ensems, o festival Art-Sciences de Bourges, a Universidade de Houston ou a Real Academia de Belas Artes de Galicia.
Unha voz destacada da lírica Europea
A mezzosoprano Marie-Claude Chappuis destaca pola súa traxectoria internacional, colaborando con directores de renome como Riccardo Chailly, Zubin Mehta, René Jacobs ou Nikolaus Harnoncourt. A súa discografía abrangue obras emblemáticas de Beethoven, Bach, Mozart e Lully, e recibiu recoñecementos como o Diapason d’Or, o Midem Classical Prize e nomeamentos aos Grammy. Ademais dos seus traballos con orquestras de prestixio, publicou álbums en solitario dedicados ao repertorio barroco e á música popular suíza.
Nos escenarios, Chappuis interpretou máis de 50 papeis operísticos en teatros como La Scala, o Teatro Real, o Festival de Salzburgo ou o Festival d’Aix-en-Provence. Entre os seus roles máis destacados están Dido en Dido e Eneas, Marguerite en La Damnation de Faust e Ottavia en L’incoronazione di Poppea. Ten actuado con orquestras como a Gewandhaus de Leipzig, a Filharmónica de Viena ou a Nacional de Francia, e continúa a súa actividade cunha intensa axenda que inclúe concertos e recitais por toda Europa.