A Real Filharmonía de Galicia actúa en Galeras e Conxo como parte da súa programación estival

Na ocasión, parte do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da EAEM actuará como solista mentres que o director asistente da RFG, Sebastian Zinca, levará a batuta da orquestra

Os concertos terán lugar o xoves, 12 de xuño, na Casa das Máquinas o venres, 13 de xuño, na igrexa de Nosa Señora da Mercé de Conxo. Ambos ás 19.30 h con entrada libre ata completar a capacidade

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos en colaboración coa Escola de Altos Estudos Musicais. Trátase dunha iniciativa que responde ao compromiso da orquestra coa formación de novos músicos profesionais e que, ademais, busca achegar a música clásica á cidadanía ao promover espazos de intercambio accesibles aos máis variados públicos.

Xunto á RFG actuarán Óscar Rial (trompeta), Erika García (clarinete), Inês Fernando (viola) e Belén Aragunde (frauta). O acceso será libre e de balde ata completar a capacidade permitida e serán interpretadas composicións de Mozart, Haydn, Mendelssohn, Strauss, Bruch e Reinecke.

Estes concertos forman parte da temporada de verán da Real Filharmonía de Galicia, unha pequena mostra que antecede a súa programación regular. A este respecto, cómpre indicar que a vindeira semana, o xoves 19 de xuño ás 20.30 horas, terá lugar no Auditorio de Galicia concerto de presentación da temporada 2025-2026. Dirixida por Baldur Brönnimann e coa participación especial de Nadia Vázquez á gaita, a orquestra ofrecerá un programa sorpresa que avanzará as principais liñas da nova programación.
As persoas abonadas terán reservadas as butacas que ocuparon ao longo da tempada e abondará con que presenten a súa tarxeta de abono no acceso ao recinto. Para o resto de persoas interesadas, a entrada é de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa). Xa están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. De quedaren localidades dispoñibles, tamén se poderán recoller o propio día do concerto no despacho de billetes do Auditorio a partir das 19.30 horas.