'Poncia' esgota localidades no Auditorio de Galicia

A partir da obra lorquiana La Casa de Bernarda Alba, o director e dramaturgo Luis Luque escribe e dirixe unha anovadora montaxe teatral que pon o foco na personaxe da criada Poncia
Lolita Flores presta corpo e voz a unha figura capital para comprender o desenvolvemento desta traxedia atravesada por cuestións de clase e xénero
As entradas para a función que terá lugar este venres, día 30 de maio, no Auditorio de Galicia xa están esgotadas
 

Mirar a través dos ollos de Poncia. Ese é o punto de partida para a construción dunha proposta coa que Luis Luque achega unha mirada anovadora a La Casa de Bernarda Alba e, tirando do fío narrativo desa maxistral historia, dá continuidade ao relato dende a perspectiva da criada máis lonxeva da casa. O suicidio de Adela que pecha o texto orixinal serve, así, de detonante para esta nova montaxe que, a través dun vibrante soliloquio de Poncia, nos deixa ver as súas reflexións e conflitos internos arredor da clase, o xénero, a culpa, a represión ou a liberdade.

Lolita Flores é a protagonista única deste espectáculo no que, a través dos seus pensamentos, ecoan as voces das outras personaxes do drama. A actriz apodérase dunha escena fermosamente arroupada polo deseño de escenografía de Mónica Boromello, a iluminación de Paco Ariza, o vestiario de Almudena Rodríguez Huertas e a música de Luis Miguel Cobo.

Producida por Pentación Espectáculos e Teatro Español, a obra esgotou xa as entradas dispoñibles para o pase programado este venres, día 30 de maio, ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.