

A formación musical fundada polo compositor e pianista Fernando Buide ofrece este martes 18 ás 20.30 horas un concerto que forma parte no programa ‘Contemporáneas’ de Compostela Cultura
Composicións de Christopher Cerrone, Mercedes Zavala, Carme Rodríguez, Eduardo Soutullo, Martin Bresnick e do propio Buide forman parte dun repertorio que explora distintas tendencias da música actual
O acceso ao concerto, que se desenvolverá na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, é de balde até completar capacidade
A axenda musical de Compostela Cultura garda esta semana unha nova cita do programa Contemporáneas. O martes, día 18 de marzo, ás 20.30 horas, o ensemble Música Práctica ofrecerá no escenario da Sala Mozart do Auditorio de Galicia o concerto Pasos desde o Atlántico, unha viaxe sonora a través de composicións do século XXI que exploran diversas estéticas e tendencias da música actual.
Regina Laza (violín), Manuel Lorenzo (violoncello), Antonio Suárez Saavedra (clarinete), Joan Ibáñez Briz (frauta), Fernando Buide (piano) e Alejandro Sanz (percusión) interpretarán obras de compositoras e compositores de ambas as beiras do Atlántico, nunha panorámica da creación musical nos últimos tempos. O repertorio incluirá pezas do propio Buide xunto composicións de Christopher Cerrone, Mercedes Zavala, Carme Rodríguez, Eduardo Soutullo e Martin Bresnick, creadoras e creadores de ampla traxectoria e recoñecemento no eido da música contemporánea.
Entre as obras que se escoitarán neste concerto atópase Pasos (2017), de Fernando Buide, inspirada nos sons urbanos das campás, e South Catalina (2014), de Christopher Cerrone, que recrea a luz e o dinamismo de California. Tamén se interpretará Polaris (2021), de Mercedes Zavala, unha exploración sonora que apela á memoria fragmentada do oínte para que reconstrúa e interactúa co son en función da súa perspectiva de escoita; así como A voz no berce (2021), de Carme Rodríguez, inspirada nunha nana tradicional que lle cantaba a súa nai e con cuxa melodía xoga para converter nunha peza ben diferente. Ademais, ecoarán na Sala Mozart Toward/From the East/West. In Memoriam Toru Takemitsu (2010), de Eduardo Soutullo, e My Twentieth Century (2002), de Martin Bresnick, unha peza desenvolvida partir dun poema de Tom Andrews que integra a recitación na arquitectura musical facendo que os intérpretes abandonen por momentos os instrumentos para verbalizar algúns versos a modo de conversa.
Música Práctica é unha formación versátil que adapta a súa estrutura a proxectos concretos, cun enfoque especializado na interpretación da música de creación actual. Fundado polo compositor Fernando Buide e con integrantes da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Real Filharmonía de Galicia, o grupo debutou nun festival internacional dentro da Quincena Musical Donostiarra e alén da súa axenda de concertos desenvolve tamén iniciativas didácticas interdisciplinares.
O recital promete ser unha experiencia sensorial única, un encontro coa diversidade sonora da música contemporánea a través da interpretación de artistas de primeiro nivel. O acceso so concerto é de balde é libre até completar capacidade.
Contemporáneas, unha xanela aberta á innovación sonora e artística
O programa ‘Contemporáneas’ é unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña para dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes. Tras este concerto do ensemble Música Práctica no mes de marzo, o ciclo garda aínda dúas novas citas esta temporada.
O martes 29 de abril será a quenda de Suit(e), un proxecto no que Millán Abeledo, Nuria Sotelo e o compositor compostelán Manuel López Jorge farán convivir música e danza. A través da relación escénica entre o son do violoncello e o movemento dunha bailarina establécese un diálogo que parte da recoñecida Suite de Johann Sebastian Bach, pasa por composicións de György Ligeti, Gaspar Cassadó, Benjamin Britten, Henri Dutilleux ou György Kurtág até chegar á peza que Manuel López Jorge está compoñendo para a ocasión.
'Contemporáneas' pechará o martes 20 de maio coa visita de Taller Sonoro, unha formación que titula o seu concerto Contos para arrolar un enxame e que constitúe una carta branca para a compositora Nuria Núñez. Incluirá unha peza que ela crea para esta ocasión xunto con obras de Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta, compositoras estreitamente relacionadas coa traxectoria vital e estética da autora. Ecoarán daquela a frauta de Jesús Sánchez Valladares, o clarinete de Camilio Irizo, a percusión de Baldomero Lloréns, o piano de Ignacio Torner, o violín de Alejandro Tuñón e o violoncello de Carmen Coronado.
Todos os concertos serán de balde e de acceso libre até completar a capacidade dos espazos. Recoméndase consultar a web de Compostela Cultura para acceder ao detalle de cada programa e ás novidades e cambios que puidesen producirse nos próximos meses.