A OSG interpreta a 'Novena' de Bruckner no Auditorio de Galicia

Dirixida por Thomas Dausgaard, a Orquestra Sinfónica de Galicia presenta en Compostela unha das obras máis monumentais do repertorio sinfónico 
O concerto, que leva por título ‘A derradeira historia' comezará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage 
A cita inscríbese no programa de abono do Auditorio e a Real Filharmonía de Galicia, que esta tempada conmemora o seu 30 aniversario
 

A Orquestra Sinfónica de Galicia volve este xoves, día 15 de xaneiro a Compostela para tomar parte na tempada ‘Historias’ da Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio. Nesta ocasión baixo a dirección de Thomas Dausgaard, ofrecerá un programa centrado nunha obra clave do repertorio occidental, a Sinfonía núm. 9 en re menor de Anton Bruckner, unha partitura inacabada e profundamente simbólica, considerada o testamento espiritual e musical do compositor. Escrita nos seus últimos anos de vida, a Novena condensa a monumentalidade do pensamento sinfónico bruckneriano, a súa fonda relixiosidade e a influencia de Beethoven e Wagner, configurando unha obra de enorme intensidade expresiva.

Nesta ocasión interpretarase a versión en catro movementos, que inclúe o Finale reconstruído a partir dos bosquexos deixados polo compositor. Esta reconstrución, asinada por John A. Phillips e Giuseppe Mazzuca, permite achegarse a unha posible conclusión da obra, mantendo un intenso debate musicolóxico arredor da súa autenticidade e significado, e completando o arco dramático iniciado polos tres movementos orixinais.

Cunha duración aproximada de 95 minutos sen pausa, A derradeira historia propón unha experiencia sonora de grande intensidade expresiva, na que a Orquestra Sinfónica de Galicia e Thomas Dausgaard —un dos directores de referencia no repertorio bruckneriano— afondan nunha partitura que segue a interpelar o público contemporáneo pola súa forza simbólica, espiritual e humana. O concerto inscríbese así na liña da tempada Historias, que revisita grandes relatos da música occidental desde unha mirada actual.

Director danés de ampla proxección internacional, Thomas Dausgaard é unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical europeo actual. Colaborou con algunhas das principais orquestras do mundo, como a Gewandhausorchester de Leipzig, a London Symphony Orchestra, a Sinfónica de Viena ou a New York Philharmonic, e mantén unha relación especialmente estreita co repertorio de Anton Bruckner, do que é un intérprete de referencia. Na actualidade é director principal convidado da Orquestra Sinfónica e Coro de RTVE e director convidado honorario da Filharmónica de Copenhague, cunha traxectoria avalada por unha ampla discografía e numerosas gravacións recoñecidas pola crítica internacional.

Creada en 1992, a Orquestra Sinfónica de Galicia é unha das formacións sinfónicas máis prestixiosas do país, cunha sólida proxección internacional. Con sede no Palacio da Ópera da Coruña, foi orquestra residente de festivais como o Rossini de Pésaro e o Festival Mozart da Coruña, e realizou xiras por Europa, América do Sur e Oriente Medio. A súa actividade combina unha intensa programación artística coa gravación discográfica para selos de referencia e unha destacada presenza dixital, que a converte nunha das orquestras máis seguidas do sector a nivel europeo.

As entradas para o concerto (18 €, con descontos do 50%) están á venda en compostelacultura.gal e na Zona C · Punto de Información Cultural. Tamén se poderán adquirir no propio Auditorio o día do concerto desde unha hora antes do comezo, no caso de quedar localidades dispoñibles.