Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario coa estrea de ‘Arlequina’ no Teatro Principal

Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario como compañía e fano estreando ‘Arlequina’ no Teatro Principal. Será este xoves, 28 de marzo, ás 20.30 h e repetirán función para público familiar o venres 29 e o sábado 30, neste caso ás 18.30 h. Así o presentaron esta mañá a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e Isabel Rei e Marcelino de Santiago, Kukas, da compañía. As entradas teñen un prezo de 4 euros (o bono familiar de 12 euros inclúe catro entradas) e poden mercarse en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18 a 21 h ou 1h e media antes do evento).

Recomendada para maiores de 4 anos e cunha duración de 60 minutos, enmárcase no apartado EscenaGZ da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura programada dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Coa música en directo de Zoar Ensemble e a colaboración de moitos e moitas artistas

Espectáculo de gran formato dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de monicreques e a maxia coa música en directo nun espazo escénico polivalente e suxestivo no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequinan, a procura da súa identidade contando para iso coa axuda de Marchelino, un vello e estrafalario artista e titiriteiro.

Con este espectáculo queremos crear sinerxías de colaboración e creación con e entre diferentes artistas que nos últimos anos teñen traballado nos nosos espectáculos e que ao mesmo tempo manteñen liñas de traballo propias como Zoar Ensemble, Teatro de marionetas Trécola, Títeres Alakrán, Jorge Casas Caneiro, Miguel Cabaleiro e Larraitz Urruzola para coa súa aportación propia e baixo a dirección escénica e artística de Isabel Rey e Marcelino de Santiago crear un espectáculo cunha posta en escena moi coidada tanto dende o punto de vista dos recursos plásticos como dos musicais, sonoros, luminosos, técnicos e escénicos co que celebrar e festexar o 40 aniversario da compañía.

Autor: Marcelino de Santiago (Kukas)
Dirección: Isabel Rei e Kukas
Intérpretes: Jorge Casas, Isabel García, Borxa Insua, Marcelino de Santiago, Larraitz Urruzola, Ero Vázquez
Músicos: Joan Ibáñez, Benjamín Iglesias, Álex Salgueiro, Antonio Suárez, David Villa
Escenografía e deseño de monicreques: Kukas
Música e deseño son: Zoar Ensemble
Deseño iluminación: Miguel Cabaleiro

Web: kukas.redbiocultural.net