A obra Peer Gynt de Edvard Grieg protagoniza o Concerto de Reis da Real Filharmonía de Galicia

Tamar Novas e Inés Salvado protagonizan a parte escénica deste espectáculo deseñado pola dramaturga Lorena Conde e dirixido polo vigués Roberto Baltar

Haberá un ensaio xeral aberto ao público con entrada libre o domingo 5 ás 11.00 h

A Real Filharmonía de Galicia presenta este domingo, día 5 de xaneiro, o seu agardado Concerto de Reis. Baixo o nome 'O Inconformista', o espectáculo terá como fío condutor a obra Peer Gynt do compositor Edvard Grieg, que narra as peripecias dun personaxe extravagante e antiburgués, interpretado polo galardoado actor galego Tamar Novas.

O mesmo día 5, o Auditorio de Galicia abre as súas portas para recibir a todas as persoas que queiran acompañar o ensaio xeral a partir das 11:00 h con entrada libre ata completar a súa capacidade.

Lorena Conde, integrante da compañía Matrioshka Teatro e co-fundadora d'A Feroz, deseña a dramaturxia deste espectáculo que conta coa participación da actriz Inés Salvado, integrante tamén desa compañía teatral e vocalista en De Vacas, o Coro Encaixe e o Coro da Ra.

Entradas á venda
Para o concerto no Auditorio de Galicia, o día 5 de xaneiro, as entradas están esgotadas, polo que o público que o desexe poderá achegarse pola mañá, ás 11.00 h, para asistir ao ensaio xeral. A entrada para este ensaio é libre ata completar a capacidade da sala.