O universo gráfico dos Ruxe Ruxe centra a nova exposición da Zona C

A mostra “Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico” abriu as súas portas hoxe ás 13.00 horas e poderá ser visitada até a fin do mes de setembro con entrada de balde

A actividade encádrase na programación de artes visuais do Festival C

A nova Zona C. Punto de Información Cultural acolle dende hoxe e até a fin do mes de setembro a mostra Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico, unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical da banda máis lonxeva de Compostela.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os integrantes de RUXE RUXE, Vituco Neira, Xan Rico e Xulia Neira, participaron no acto de apertura desta mostra no edificio da praza de Cervantes que outrora foi a Casa do Concello.

En 2021 a banda cumpre 25 anos sen baixar dos escenarios, un cuarto de século facendo rock en galego que os converteu nun dos grupos con máis traxectoria do país e en todo un referente para moitas formacións que chegaron despois. Dende a estrea do seu recoñecido logo nos inicios do grupo en 1996, e até os últimos deseños do disco O estraño falar dun monstro da aldea (2020), Ruxe Ruxe sempre coidou a imaxe gráfica do seu traballo coa complicidade de profesionais do deseño, a fotografía e o debuxo que souberon entender á perfección as súas inquedanzas e dotar todo o seu universo dunha riqueza gráfica de gran valor. Moitas destas pezas son obra de artistas composteláns, como o creador do logo Javier Iglesias, Pachu M. Torres, Xulio Cé "Arinspunk", Miguel Duarte ou Javi Bermejo, pero tamén as hai doutras e doutros grandes artistas que son parte xa da historia gráfica dos Ruxe Ruxe, como o Grupo Revisión, Ramón Díaz "Raio" (Caramuxo), Carlos Azagra (El Jueves), Diego Pérez "Diebujitos" ou Laura Romero.

A arte dos seus case 20 traballos discográficos, a cartelería de infinidade de concertos, as súas icónicas camisolas, ilustracións, deseños web, videoclips animados, chapas, revistas, esculturas, artesanía e até tatuaxes recompilados ao longo de 25 anos, forman unha colección que convén revisar e reivindicar pola singularidade artística e o valor contracultural de todo este universo xerado arredor da banda.

A exposición permanecerá na Zona C. Punto de Información Cultural até a fin do mes setembro. O seu horario de visitas en agosto é de martes a sábado de 11 h a 14 h. A partir de setembro, pode ser visitada de martes a sábado de 11 h a 14 h e de 16 h a 19 h, e os domingos de 11h a 14 h. En todos os casos, a entrada é de balde sen necesidade de reserva. 

 

Festival C 2021

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés. Alén do Teatro Principal e as salas de concertos e exposicións do Auditorio, as actividades aproveitan a riqueza paisaxística de Compostela e espállanse polas prazas e rúas do casco histórico e os parques da Alameda, Bonaval, Galeras, ou Vista Alegre para que poidamos gozar do verán en Santiago.