O Teatro Principal acolle a Semana de Cine Euroárabe AMAL do 22 ao 26 de outubro

O Teatro Principal será o escenario da Semana do Cine Euroárabe AMAL, que se vai celebrar do 22 ao 26 de outubro. Neses días poderanse ver nove longametraxes de ficción e documentais. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, participou hoxe na presentación do festival, xunto co seu director, Ghaleb Jaber Martínez, o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o fotógrafo Sergi Cámara, autor da fotografía que serve de imaxe a AMAL.

A Semana de Cine Euroárabe chega neste 2018 á súa décimosexta edición. Na súa intervención durante a presentación do festival, Branca Novoneyra salientou a satisfacción do Concello por poder colaborar este ano con AMAL. A concelleira de Acción Cultural incidiu en que este festival "é un evento referenciado nunha cidade comprometida co cinema".

Nesta edición de AMAL proxectaranse películas documentais e longametraxes de ficción que, segundo apuntou Ghaleb Jaber Martínez, "destacan pola súa calidade e recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe". A sesión inaugural da Semana do Cine Euroábrabe será o luns 22 de outubro, coa proxección do documental "Nacido en Gaza", dirixida polo ítalo-arxentino Hernán Zin e de produción española. Despois da película, está prevista unha conferencia do presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim.

No resto da semana cinematográfica haberá dous pases diarios, un ás 20.00 horas e outro ás 22.00 horas. As entradas para o primeiro custarán dous euros, e para o segundo, tres euros. Estarán á venda na billeteira do Teatro Principal no mesmo día da proxección.

No marco da Semana de Cine Euroárabe, o Hotel Eurostars Araguaney acolle desde hoxe unha exposición do fotoxornalista catalán Sergi Cámara, co nome de "Familias Completas. Familias Incompletas". A mostra reúne unhaserie de retratos de familias, ou de partes de familias, chegadas á illa grego de Lesbos durante as crises de persoas refuxiadas. A exposición poderase visitar ata o próximo día 26.

MÁIS INFORMACIÓN

Todas as proxeccións serán no TEATRO PRINCIPAL
Santiago de Compostela, Rúa Nova Nº 21.

O punto de venda é a billeteira do TEATRO PRINCIPAL, o mesmo
día das proxeccións de 18 a 21 h.

A sesión de apertura e gratuíta.

A sesión das 20.00 h. ten un custo de 2€.

A sesión das 22.00 h. ten un custo de 3€.

Todas as proxeccións teñen aforo limitado.

LIGAZÓNS