

A compañía lisboeta dirixida por Pedro Penim ofrece esta fin de semana no Teatro Principal dúas funcións desta obra que propón unha reflexión sobre as herdanzas culturais e identitarias da ditadura salazarista na sociedade portuguesa actual
Carla Maciel, João Lagarto, Sandro Feliciano e Fado Bicha conforman o elenco de intérpretes
Casa Portuguesa chega a Santiago por iniciativa do Auditorio de Galicia e do Centro Dramático Galego e ao abeiro do programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de Cultura e Democracia’.
O Teatro Principal acollerá esta fin de semana dous pases da obra Casa Portuguesa, unha montaxe do lisboeta Teatro Nacional D. Maria II –unha das principais institucións teatrais do país– que xoga coa concepción da ‘casa’ como metáfora da patria e a identidade nacional. Pedro Penim escribe e dirixe esta obra que disecciona as herdanzas culturais e identitarias da ditadura salazarista a partir da conxugación de tres fontes-documento: o fado Uma Casa Portuguesa, de Reinaldo Ferreira e Vasco Matos Sequeira e que popularizou Amâlia Rodrigues, o volume O Planalto dos Macondes, adaptación dos diarios do ex combatente nas guerras coloniais Joaquim Penim, e o ensaio Filosofia della Casa, de Emanuele Coccia. Da lectura crítica destes materiais nace un espectáculo que, tal e como apunta a compañía, “conta a historia (ficcional) dun ex soldado da Guerra Colonial que, dialogando coas súas pantasmas, se ve confrontado coa decadencia e a transformación do ideal de casa, de familia, de país e do canon da figura paterna. Un retrato do que foi, do que é e do que poderá ser (ou non ser) a célula familiar patriarcal por excelencia, a casa, tendo como pano de fondo os acontecementos recentes da democracia portuguesa e revisitando a máis dolorosa das feridas abertas da historia do país”
Carla Maciel, João Lagarto, Sandro Feliciano e Fado Bicha, o dúo musical conformado por Lila Tiago e João Caçador, compoñen o elenco desta produción do Teatro Nacional D. Maria II que conta coa escenografía de Joana Sousa, vestiario de Béhen, iluminación de Daniel Worm d’Assumpção, asistencia na dramaturxia de Bernardo de Lacerda, deseño de son e tema orixinal de Miguel Lucas Mendes e canción final de João Caçador (música), Lila Tiago (letra) e Miguel Madeira (produción), con carpintaría de Filipe Dominguez e graffiti de Claúdio Sena.
Haberá dúas funcións da obra no Teatro Principal: o sábado 14 de xuño ás 20.30 horas e o domingo 15 de xuño ás 18.00 horas. En ambos os casos, as entradas (14€ cos descontos habituais para os diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. De quedaren localidades vacantes, tamén estarán dispoñibles no Teatro Principal dende unha hora antes de cada pase. Cómpre sinalar que a representación desta obra, en lingua portuguesa, contará con subtítulos nesta mesma lingua e que o espectáculo emprega nalgúns momentos efectos de luz estroboscópica que poden afectar a persoas con sensibilidade específica ou determinadas doenzas.
A produción chega a Compostela ao abeiro do programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de Cultura e Democracia’, co apoio do Ministério dos Negócios Estrangeiros de Portugal, Ministério da Cultura de Portugal, o Ministerio de Cultura de España, o Gabinete de Estratégia, Planeamento e Avaliação Culturais (GEPAC), Camões, Instituto da Cooperação e da Língua I.P., Embaixada de Portugal en Madrid, o Centro Dramático Galego da AGADIC - Xunta de Galicia e Compostela Cultura - Concello de Santiago de Compostela.