

A actividade, integrada no programa da exposición «Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras», reunirá mulleres do Colectivo Puta Mina e integrantes do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV_)
O encontro, que se desenvolverá entre as 10.30 e as 17.00 horas, propón un espazo de experimentación e reflexión colectiva arredor da memoria, o territorio e as experiencias compartidas das mulleres
O Auditorio de Galicia acolle este sábado 17 de outubro unha xornada de creación e reflexión colectiva arredor de Puta Mina, un proxecto audiovisual e comunitario que recupera as experiencias e as voces das mulleres das concas mineiras de León. A actividade forma parte do programa público da exposición Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, que se pode visitar na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia ata o 7 de febreiro.
Baixo o título Colectivo temporal de actualización | Puta Mina, o encontro contará coa participación de Belén Sola e Chus Domínguez, integrantes do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV_), e de Cristina Turrado, Áurea González e Raquel Balbuena, do Colectivo Puta Mina, que compartirán as súas experiencias nunha xornada de experimentación e diálogo con outras mulleres.
A proposta busca ampliar as experiencias deste colectivo, especialmente as das mulleres mineiras, e abrir un espazo de encontro con outras voces, perspectivas e lugares de enunciación. A partir das particularidades dos diferentes territorios e das vivencias das participantes, a actividade propón explorar novas formas de construír relatos compartidos, poñendo no centro as memorias de vida e as experiencias das mulleres.
A xornada desenvolverase entre as 10.30 e as 17.00 horas e incluirá unha proxección colectiva de Puta Mina, un conversatorio coas participantes no proxecto e un espazo final de intercambio e reflexión. A actividade, de balde, con capacidade limitada a 25 mulleres participantes, pechou xa o seu prazo de inscrición.
O proxecto Puta Mina xorde a partir do encerro de catro mineiros no Pozo Aurelio de Santa Lucía, na conca de Ciñera-Gordón, en León, para reclamar un peche ordenado ante o desmantelamento dun sector produtivo con 130 anos de historia.
O que inicialmente semellaba conducir cara a un relato de resistencia, centrado nos traballadores que permanecían baixo terra, transformouse nun proceso de acompañamento á autonarración íntima e colectiva dun grupo de mulleres da conca mineira. Ante a crise do carbón, son elas as que deciden tomar a palabra para explorar como senten, viven e sosteñen a vida arredor dunha actividade que marcou durante xeracións a identidade e a realidade social do seu territorio.
O LAAV_ acompañou este proceso facilitando as condicións para que as propias mulleres construísen os seus relatos. As súas voces, superpostas ás imaxes da mina, adquiren así unha nova presenza ante elas mesmas e ante o conxunto da comunidade, facendo visibles experiencias e sensibilidades que tradicionalmente permaneceron nun segundo plano.
O Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV_) é un espazo de investigación e creación con comunidades e colectivos, nacido en 2012 no Museo de Arte Contemporáneo de Castela e León (MUSAC). Integrado de maneira estable por Belén Sola e Chus Domínguez, combina a creación audiovisual, a mediación cultural e a investigación desde unha perspectiva experimental e crítica, cunha especial atención ás prácticas colaborativas e á autorrepresentación.
A xornada forma parte das actividades vinculadas a Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, unha exposición comisariada por María Bella que reúne tres proxectos artísticos: Crías, de Xiana do Teixeiro; O canto das Cecilias, de Cecilia Barriga; e Puta Mina, do LAAV_ e o Colectivo Puta Mina.
A mostra explora diferentes formas de creación compartida e autorrepresentación, poñendo o foco en procesos artísticos que parten da experiencia colectiva, da escoita e da construción de relatos en primeira persoa.
O programa de activacións amplía estas propostas máis alá do espazo expositivo, favorecendo o encontro directo entre as creadoras, os colectivos participantes e a cidadanía. Neste contexto, a xornada arredor de Puta Mina traslada ao Auditorio de Galicia unha experiencia de creación comunitaria que sitúa as mulleres como protagonistas dos seus propios relatos e abre novas posibilidades para compartir memorias, experiencias e formas de entender o territorio.