O piano, o guzheng e a música electrónica de Iago Hermo, nas Xornadas de Música Contemporánea

O compositor, pianista e director especializado en música experimental Iago Hermo, chega mañá venres ás Xornadas de Música Contemporánea co concerto '...Sferas' co seu piano, guzheng e música electrónica. Será ás 20.30 h no Paraninfo da USC con entrada libre ata completar capacidade da sala. Primeiro poderemos escoitar as sferas 1 e 2, dúas obras de Hermo, das cales '(A Gran Muralla)' é estrea absoluta. Continuará con 'In a Landscape' de John Cage para pechar coas sferas 3 e 4, de novo a estrea absoluat de dúas obras súas.

As Xornadas de Música Contemporánea continuarán o luns 17 de xuño co concerto de 'Narrativas Imaxinarias' no Auditorio de Galicia. E aínda nos quedan máis citas os días 18, 20, 24, 25 e 27 de xuño en diferentes espazos da cidade

Iago Hermo
É un compositor, pianista e director especializado na música contemporánea experimental. Como compositor busca constantemente aquelas sonoridades que sirvan para o seu fin artístico e creativo. Como intérprete, desenvolve propostas performativas que amosen este traballo experimental sobre a música. E como director, desenvolve a maior parte da súa actividade traballando os repertorios máis actuais, con música dende a segunda metade do século XX ate o día de hoxe. 

A súa música, arranxos, interpretacións e traballo como director levárono a participar e colaborar en diversas agrupacións como a Sinfonieorchester Aachen (Alemaña), Coro Gulbenkian (Portugal), 4+1 Piano Ensemble (Galicia), e diversos ensembles e agrupacións en España e Países Baixos. O seu traballo e actividade académica valéronlle unha beca da Fundación SGAE para a realización de estudos de posgrao en institucións internacionais, realizados no Conservatorium Maastricht (Países Baixos). Na actualidade reside na cidade neerlandesa de Maastricht, rematando os seus estudos en Composición Musical e Dirección da Música Contemporánea. Estudos que realiza simultaneamente cos realizados na Universidade de Santiago de Compostela en Servizos Culturais: Xestión dos Bens Culturais, así como o estudo de diversas linguas (inglés, chinés, francés...), debido ao seu interese nas perspectivas culturais.