O legado musical de Luís Taibo, en concerto no Teatro Principal

Rosalía Gómez Lasheras, Abe Rábade e Alejandro Vargas únense este xoves nun recital homenaxe ao compositor e pianista compostelán
O espectáculo recupera parte da obra esquecida deste autor esencial na historia musical galega e tece unha proposta intimista e anovadora na que conflúen os universos sonoros de tres pianistas excepcionais coa voz de Antía Muíño
 

Tres das figuras máis destacadas do piano en Galicia, Abe Rábade, Rosalía Gómez Lasheras e Alejandro Vargas, únense sobre o escenario para dar vida a Taibo, un proxecto artístico promovido por ACentral Folque que recupera e celebra a figura do compositor e pianista Luís Taibo (Santiago de Compostela 1877 - México D.F., 1954), contemporáneo de Andrés Gaos ou Manuel Quiroga, pero moio menos coñecido polo público xeral. 

O xoves, día 8 de abril, ás 20.30 horas, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a estrea desta achega contemporánea, intimista e poética á obra dun autor esquecido, cuxa música  —que en boa parte se cría perdida— resoa de novo grazas á interpretación destes tres virtuosos do piano. Daquela escoitaranse, entre outras, as pezas  Carmeliña, Danza Galaica, publicada en 1899, ou Adiós ríos, Adiós fontes, composta en 1903 a partir dos versos de Rosalía de Castro.

O proxecto non é só unha homenaxe musical, senón unha aproximación ao pensamento desta figura poliédrica, –compositor, pianista, director coral, médico e escritor– fundamental tamén nos movementos galeguistas do cambio de século. Cada pianista achega o seu universo sonoro particular nun espectáculo no que conflúen a electrónica, o jazz e a música clásica para dar forma a unha proposta que fía lirismo e forza creativa cunha delicada intimidade. A través das súas mans, a música de Taibo revive nunha viaxe sonora que conecta o pasado co presente, e o coñecido co misterioso. A proposta agranda a súa dimensión poética coa voz de Antía Muíño, que engadirá unha nova capa de emoción ao interpretar os versos que dialogan co pensamento e o sentir do propio Luís Taibo.

As escasas localidades aínda dispoñibles poden ser adquiridas (12 € con descontos para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural.

Este proxecto de recuperación do legado musical do autor camiña da man dun proxecto editorial co-editado polo Consorcio de Santiago e ACentral Folque e presentado hai escasos días no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. O volume Taibo. Verso libre da música galega. Compostela | México DF recolle unha minuciosa investigación na que o historiador e musicólogo Alberto Cancela consegue elaborar a biografía dunha figura con múltiples vidas. O libro conta tamén cun catálogo completo das súas obras ademais dun apartado documental, con partituras, epistolario e textos literarios.