O Festival C despídese con «Olympics» na Casa das Máquinas

O espectáculo de Yllana e Nacho Vilar Producciones que se ía realizar na praza da Quintana trasládase ao edificio da rúa Galeras polas previsións meteorolóxicas

Esta peza de teatro de rúa serve de peche á sexta edición do Festival C, que ofreceu durante o mes de agosto preto dunha trintena de propostas culturais para todos os públicos 

A representación de Olympics arrancará ás 20 horas e o acceso é libre até completar capacidade

A Casa das Máquinas converterase este xoves ás 20 horas nun estadio moi particular para dar cabida a Olympics, un espectáculo itinerante e interactivo creado por Yllana e producido por Nacho Vilar Producciones. Inicialmente programada na praza da Quintana, esta peza de teatro de rúa muda de emprazamento por mor da choiva, e representarase finalmente no edificio da rúa Galeras.

En escena, catro atletas que quedaron ás portas dos Xogos Olímpicos deciden organizar a súa propia competición, dando lugar a un desfile de probas tolas, situacións absurdas e moita comedia física. Un xogo teatral cheo de ritmo, humor e participación, pensado para divertir a toda a familia.

Con dirección artística de César Maroto e David Ottone, e as interpretacións de Sergio Alarcón, Elia Estrada, David Terol e Emmanuel Vizcaíno, Olympics convida a rir, xogar e celebrar o espírito deportivo… á súa maneira.

O acceso é de balde até completar capacidade.

O Festival C 

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

Até o 28 de agosto, a súa sexta edición leva a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.