Até o 29 de agosto o Festival C continúa a programar variadas propostas culturais de acceso libre e de balde para todos os públicos.
Este luns ás 20.00 horas, o cemiterio do parque de Bonaval volverase converter en espazo de danza para abeirar Minguantes, un espectáculo da compañía La Guajira. Armando Martén e Ana Beatriz Pérez asinan, dirixen e interpretan esta peza con espazo sonoro de Ismael Berdei e texto en off de Rocío González que afonda no universo persoal de dúas persoas que envellecen e que presenta o corpo humano como máquina insubstituíble.
O martes 27 ás 18.00 horas haberá unha nova sesión de contos para a rapazada da man do Programa Apego. Títeres Alakrán presenta na zona dos arcos de Bonaval Circo Galaico, un espectáculo de variedades que sitúa o público nun circo único onde a maxia e o fantástico se mesturan co autóctono, no que as e os artistas serán animais da fauna galega en liberdade, como Xaquín o forzudo xabaril; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo malabarista ou a incrible cabra Ribelina. Recomendado para nenas e nenos de 3 anos en diante.
A semana garda tamén dúas sesións sesións de cinema ao aire libre o martes e o mércores. A partir das 21.00 horas, unha gran pantalla instalada na rúa Concepción Arenal que dá acceso á Sala NUMAX proxectará dous grandes clásicos: A muller pantera de Jacques Tourneur o martes 27 de agosto e Imitación á vida, de Douglas Sirk o mércores 28. A axenda dese mércores inclúe tamén o último dos obradoiros circenses para a rapazada de entre 6 e 12 anos de idade que Circonove imparte na Casa das Máquinas entre 11.30 ás 13.30 horas e a performance poético musical Todos os días, que Kennebec levará ás 20.00 horas ao paseo da Ferradura da Alameda. Nesta proposta, Iria Pinheiro e Mónica de Nut unen as súas traxectorias artísticas para experimentar novas músicas e formas inusuais de traballar a palabra e coas que reflectir o seu sentir como artistas, mulleres e nais que viven no rural.
A quinta edición do Festival C concluirá o xoves 29 ás 20.00 horas na praza Quintana con Latexo, unha produción de Pistacatro en clave de clown que xoga co ritmo, o impulso e o bater do corazón. Dirixida por Antón Coucheiro, con Aitor Garuz e Jano Costas no elenco.
Todas as actividades son de balde até completar capacidade. O obradoiro de circo está limitado a 25 participantes, que poderán inscribirse mediante mensaxe ao enderezo circonoveoficina@gmail.com. Cómpre indicar no texto o nome completo e a idade da/o participante e os datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao seu cargo.
Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.