O Concello celebra cos profesionais da cultura compostelá unha xornada de análise e reflexión sobre a situación do sector

A xornada “A cultura en Santiago de Compostela. Análise de situación e reflexión colectiva”, que contará coa participación da concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón, celebrarase este mércores no centro sociocultural de Santa Marta. Nela coñeceranse os datos actualizados da cultura no municipio e desenvolveranse mesas de traballo

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participará este mércores na xornada “A cultura en Santiago de Compostela. Análise de situación e reflexión colectiva”,  que se celebrará no centro sociocultural de Santa Marta a partir das 16h e que contará coa asistencia e participación dos axentes culturais que desenvolven a súa actividade no ámbito municipal.

Durante a xornada presentaranse un conxunto de datos actualizados sobre a cultura en Santiago de Compostela, a cargo do consultor cultural Marcos Lorenzo, e organizaranse mesas de traballo coas profesionais que participan nesta cita para reflexionar sobre as principais problemáticas e potencialidades do sector, co obxecto de dispoñer dunha diagnose que permita mellorar as políticas culturais locais.

A xornada desenvolverase co seguinte programa:

• 16:00 a 17:00 h. Presentación da xornada e dun panel de datos actualizados sobre a situación da cultura no municipio, a cargo de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Marcos Lorenzo, director do estudo.
• 17:00 a 19:00 h. Mesas de reflexión colectiva entre axentes culturais da cidade.
• 19:00 a 20:00 h Posta en común dos resultados das mesas e peche da xornada.

 

Algúns datos da cultura que coñeceremos na Xornada

Na primeira parte da xornada, o consultor cultural Marcos Lorenzo compartirá cos participantes os datos da cultura en Compostela. Entre eles, o importante peso que o sector ten na economía local. A cultura achega 2.307 afiliados á Seguridade Social, un 18,7% do emprego cultural de Galicia, no que inflúe de xeito determinante a presenza no municipio da Compañía da Radio e Televisión de Galicia.  

Ademais, o Concello de Santiago presenta, xunto ao da Coruña,  o maior gasto municipal en cultura das cidades galegas, resultado da aposta sostida por diferentes gobernos locais ao longo do tempo. En total o Concello de Santiago investiu 10,2 millóns de euros en cultura en 2018, cunha media de 106 € por habitante.

Máis alá das cifras económicas, a cultura ten tamén unha forte presenza no ámbito social. Por unha banda, a través do asociacionismo, cun cento de entidades rexistradas no concello, na súa meirande parte (47) dedicadas á música. Por outra banda, segundo información facilitada polo IGE, un 58% das persoas que viven no concello compostelán participan de maneira regular en actividades culturais e de lecer.

En contraste con estes datos, os axentes culturais de Santiago, consultados a través dun cuestionario realizado en outubro de 2018, valoran negativamente a situación laboral de artistas e creativos ao puntuala cun 4 sobre 10, e tamén consideran que o dinamismo das empresas culturais é mellorable ao asignarlle un 5,5. As liñas de axuda do Concello a terceiras entidades obteñen unha puntuación próxima ao 5.

Porén, a programación cultural do Concello de Santiago valórase, en termos xerais, de xeito positivo. Como datos a destacar, os axentes culturais enquisados avaliaron cun 7 a presenza da muller e dos artistas locais na programación e con máis dun 8 a presenza da lingua e da cultura galega.

 

Turismo e cultura

Os datos recollidos no estudo amosan a existencia de marxe de mellora no papel da cultura na estratexia turística local. Trátase dun ámbito de gran potencial,  tendo en conta que un 27,5% dos visitantes á cidade aproveitaron para visitar algún centro cultural e que as visitas aos dez principais museos da cidade medraron nos últimos tres anos, superando as 475.000 anuais.