O Ciclo de Lied continúa este xoves no Auditorio de Galicia co programa "Historias en palabras"

O baixo Franz-Josef Selig e o pianista Gerold Huber protagonizan esta nova cita co repertorio lírico que forma parte do programa de abono do Auditorio de Galicia
O concerto arrancará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio, cun programa que inclúe lieder de Franz Schubert, Hugo Wolf, Rudi Stephan e Dmitrii Shostakovich
As entradas están dispoñibles na web compostelacultura.gal e na Zona C e tamén se poderán adquirir o propio xoves, a partir das 19.30 horas, no despacho de billetes do Auditorio
O Ciclo de Lied é un programa desenvolvido polo Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago e co apoio da Deputación da Coruña
 

A tempada «Historias» da Real Filharmonía de Galicia continúa esta semana cunha nova cita do Ciclo de Lied. O xoves 5 de marzo ás 20.30 horas, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia servirá de escenario para o recital Historias en palabras, que contará coas interpretacións do baixo alemán Franz-Josef Selig e do pianista xermano Gerold Huber, dous intérpretes de referencia internacional no repertorio liederístico.

Organizado polo Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e co apoio da Deputación da Coruña, o concerto propón un percorrido pola evolución do lied desde o Romanticismo ata o século XX, a través de obras de Franz Schubert, Hugo Wolf, Rudi Stephan e Dmitrii Shostakovich.

Baixo o fío condutor da palabra cantada, o programa permitirá achegarse a diferentes momentos clave na historia deste xénero. Coas pezas de Schubert, o público viaxará aos inicios do lied romántico, no que o compositor vienés estableceu as bases dunha profunda relación entre música e poesía, outorgando ao piano un papel fundamental na creación de atmosferas expresivas. A seguir, Hugo Wolf intensificará esa unión entre texto e música a través dun dramatismo expresivo que leva o lied a novas dimensións estéticas. As obras de Rudi Stephan, representante dunha xeración de compositores truncada pola Primeira Guerra Mundial, introducen unha linguaxe moderna, refinada e suxestiva, que amplía as posibilidades expresivas do xénero. O percorrido culmina cos lieder de Dmitri Shostakovich, obras de grande intensidade expresiva nas que o compositor ruso fai deste xénero un espazo de reflexión sobre cuestións universais como a arte, o poder, a vida ou a morte.

Nesta panorámica polo desenvolvemento do lied, Historias en palabras pon en diálogo tradición e modernidade, intimidade e transcendencia. A través da poesía musicada, o concerto invita o público a unha experiencia de escoita atenta e contemplativa.

O recital ten unha duración aproximada de 110 minutos e as entradas (12 € cos descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) están dispoñibles na web compostelacultura.gal e na Zona C (praza de Cervantes, aberta de martes a sábado, de 10 a 14 e de 16 a 19 horas) e tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día do concerto a partir das 19.30 horas.

Franz-Josef Selig, un dos grandes baixos dramáticos da escena internacional

O baixo alemán Franz-Josef Selig está considerado un dos intérpretes máis destacados do repertorio operístico para baixo dramático. Ao longo da súa carreira consolidouse en papeis emblemáticos como Gurnemanz (Parsifal), o rei Marke (Tristán e Isolda), Sarastro (A frauta máxica), Rocco (Fidelio), Osmin (O rapto no serrallo), Daland (O holandés errante) ou Fasolt (O anel do Nibelungo). A súa traxectoria levouno ás principais casas de ópera do mundo, entre elas as Óperas Estatais de Baviera e Viena, a Scala de Milán, o Teatro Real de Madrid, a Ópera de París ou o Metropolitan Opera de Nova York, ademais de festivais de referencia como Bayreuth, Salzburgo, Baden-Baden ou Aix-en-Provence.

Formado inicialmente en música sacra na Universidade de Música de Colonia, Selig foi membro durante seis anos do elenco estable do Teatro Aalto de Essen antes de desenvolver unha intensa carreira internacional como cantante independente. Colabora habitualmente con prestixiosas orquestras e directores como Christian Thielemann, Sir Simon Rattle, Zubin Mehta, Riccardo Muti ou Yannick Nézet-Séguin. A súa actividade artística está tamén amplamente documentada en gravacións discográficas e audiovisuais, entre as que destacan producións de Parsifal, Don Giovanni ou A frauta máxica, así como o CD Prometheus, dedicado ao repertorio de lied xunto ao pianista Gerold Huber.

Gerold Huber, referencia internacional no acompañamento de lied

O pianista alemán Gerold Huber é un dos acompañantes de lied máis recoñecidos do panorama internacional, valorado pola profundidade expresiva e a sensibilidade do seu piano no diálogo coa voz. Colabora regularmente con destacados cantantes e participa en prestixiosos festivais e salas de concertos como a Schubertiade de Schwarzenberg, o Festival de Salzburgo, o Festival d’Aix-en-Provence, o Concertgebouw de Ámsterdam, o Wigmore Hall de Londres, o Lincoln Center e o Carnegie Hall de Nova York, entre moitos outros.

A súa extensa discografía inclúe gravacións xunto a intérpretes como Christian Gerhaher, Bernarda Fink, Günther Groissböck ou Maximilian Schmitt, ademais de varios proxectos discográficos galardoados pola crítica. Entre eles destaca a edición completa das cancións de Robert Schumann (Alle Lieder), realizada xunto a Gerhaher. Ademais da súa actividade concertística, Huber desenvolve unha intensa labor pedagóxica e imparte clases maxistrais en institucións e festivais internacionais; desde 2013 é profesor de acompañamento de lied na Hochschule für Musik de Würzburg e, desde 2022, tamén na Hochschule für Musik und Theater de Múnic.