O Auditorio de Galicia pon en marcha a campaña ‘Este Nadal Agasalla Compostela Cultura’

O Auditorio de Galicia, organismo autónomo que xestiona a concellaría de Acción Cultural, puxo en marcha hoxe a campaña ‘Agasalla Compostela Cultura’. A idea é que todos e todas as composteláns agasallen cultura nestas festas e por iso, á programación de abono 2019-2020 xa á venda desde inicio de curso, únense máis propostas musicais de diversos estilos así como a programación de Artes Escénicas completa do 2020 que desde hoxe está xa á venda na web compostelacultura.gal Para que o agasallo luza como piden estas festas, póñense a disposición dos e das compostelás tarxetóns e sobres para que poidan levar as súas entradas e abonos.

As entradas poden mercarse desde a páxina web compostelacultura.gal ou nos despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia. Nestas dúas billeteiras é onde tamén se poden retirar os tarxetóns e sobres, nos seus horarios habituais. A do Teatro Principal está aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00 h e a do Auditorio de Galicia os días de evento desde 1h e media antes de que comece o mesmo. A idea é que o público pase polo despacho de billetes mercar as súas entradas (ou as merque desde a páxina web) e retirar o sobre e tarxetón, para así poder facer o agasallo cun bonito envoltorio.

A programación de abono da Real Filharmonía de Galicia-Auditorio de Galicia está xa a venda desde inicio de curso e aínda quedan varias modalidades de abono que poder adquirir, ademais das entradas soltas. Tamén están á venda xa cinco concertos máis de diferentes estilos musicais no Auditorio de Galicia para os primeiros meses do ano: Albert Pla e o seu ‘Miedo’ o 25 de xaneiro; Michel Camillo o 15 de febreiro; Pablo Milanés coa súa xira ‘Esencia’ o 21 de marzo; Lina e Raül Refree o 27 de marzo; e Sés o 26 de abril, presentando o seu novo traballo ‘Liberar as arterias’. Algúns destes concertos teñen as entradas á venda en ataquilla.com pero os que así o desexen poden pasar igualmente polo material de agasallo para eles.

Programa ‘Á escena!’ 2020 xa á venda

E desde hoxe mesmo, están á venda todos os eventos de ‘Á escena!’, o programa de Artes Escénicas de Compostela Cultura. Un total de 22 espectáculos de teatro, danza e circo clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, TerritoriodasMulleres e Clásicos?. Unha ampla gama de eventos para que este Nadal os composteláns e compostelás se animen a agasallar Compostela Cultura.

Nel atopamos desde a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare que vai desde a comedia física do ‘Hamlet’ de Chapitô, pasando pola aposta polo grande formato de PT Excéntricas co seu ‘Medida x Medida’ ata a proposta máis “clásica” do ‘Macbeth. O ruido e a furia’ de Estudo Momento. Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, desde a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico con ‘A conquista da escola de Madhubai’ e El Pavón Teatro Kamikaze con ‘Jauría’, ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen ‘Liberto’ de Marelas Producións, ‘Ana, también a nosotros nos llevará el olvido’ de Unahoramenos ou ‘Mrs. Dalloway’ de Entrecajas. O ‘Leira’ de Nova Galega de Danza dialoga co ‘Erritu’ de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en ‘Directo9’ de Pisando Ovos e ‘Mercedes mais eu’ de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación desde a vangarda absoluta feita en Galicia.

Teremos a estrea absoluta de ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro’; ‘Spotlight’ de Can Cun Quinqué; e ‘O mozo da última fila’ de Redrum Teatro e a estrea en Galicia de ‘Deje su mensaje después de la señal’ de Tanttaka Teatroa. Poderemos ver ‘O Montacargas’ de Ainé Producións e Acusmaser Opus; ‘O electo’ de Contraproducións; ou o ‘Falar por Falar’ de Volta e Dálle. José Sacristán chegará a Compostela co seu ‘Señora de Rojo sobre fondo gris’; Aitana Sánchez Gijón’ con ‘Juana’ da man do Teatro Español e Losdedae; e Matarile Teatro presentará o seu ‘Daimon y la jodida lógica’.

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: O Concerto con fusión da Banda Municipal de Música con Píscore; ‘Só’ de Xampatito Pato; a Gran Gala do Circo de Compostela’; ‘ ‘Lar (la casa, el hogar)’ de Lasal Teatro e ‘Emportats’ de La Trócola Circ.