O Auditorio de Galicia inaugura a exposición 'Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995'

A exposición 'Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995’ abre mañá mércores ás 20.00 h. no Auditorio de Galicia. No acto inaugural estarán presentes o Alcalde de Santiago e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o comisario da mostra Fausto Isorna; así como prestadores públicos e privados que fixeron posible a exposición. O acto está aberto ao público.

En palabras do comisario estamos ante un proxecto expositivo que non pretende ser unha revisión cronolóxica ou histórica no eido da música en Galicia, senón unha homenaxe ao vinilo e a carpeta nun 'safari tipolóxico' de portadas que se agrupan e relacionan por temas como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, os deseños máis modernos ou minimalistas, as portadas con fotografías ou aquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró, ou portadas como a do disco 'Anduriña' de Juan e Junior ilustrada cun cadro de Picasso.

Parte o percorrido expositivo –de case 600 discos (entre LPs e sencillos)– co disco de Joselín do ano 1955, primeiro  EP con ilustración na portada do que temos constancia nesta mostra; desde aquí unha viaxe de 40 anos levará as/aos espectadores desde estas primeiras portadas xenéricas, onde o deseño aínda era secundario, ata o momento no que adquire presenza con nomes como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio.

O comisario da mostra, Fausto Isorna, sitúanos diante da portada do disco como elemento de arte Pop pensado dende o punto de vista comercial, como obxecto para vender e chegar ao maior número de lugares. Andrés Dobarro (número un das listas do pop en España), Ana Kiro ou, en menor medida os Tamara, ilustran a difusión que se acadaba.

Non esquece a mostra referencias as primeiras discográficas de selos especializados en música galega como Xistral ou Abrente –que pon en marcha o recentemente falecido Nonito Pereira, merecedor na exposición dun xusto recoñecemento xunto a figuras senlleiras da música popular galega como Manuel Mirás a quen se considera inventor da autoedición. Mención especial acada Ruada, primeira discográfica totalmente galega, que representa un dos máis importantes pasos a prol dunha industria musical no noso País.

Faise tamén un percorrido polo single, ese pequeno formato que coa selección dun tema deu lugar ao que denominamos lista de éxitos, que son o máis representativo da cultura mass media. Artigos, portadas de revista dedicadas as figuras do pop, dous documentais, carteis e unha mostra de pickups portátiles completan a mostra.

Conta a mostra con  fondos do arquivo da Biblioteca de Galicia e do Consello da Cultura Galega, xunto aos da Casa Museo Manuel María e as cesións de coleccionistas privados e con colaboracións puntuais da Fundación SGAE e Galicia Calidade.

Estará aberta no Auditorio de Galicia ata o 24 de maio de 2020 en horario de 10.00 a 14.00 h e  de 16.00 a 20.00.00h (os días de concerto a sala pecha ás 19.00 h).

MÁIS INFORMACIÓN
  • A inauguración será mañá mércores 22 de xaneiro ás 20.00 h, con entrada libre. Permanecerá aberta ata o 24 de maio de 2020
  • Trátase dunha homenaxe ao disco e a carpeta que percorre 40 anos de deseño de cubertas no disco galego