O Auditorio de Galicia acolle este domingo a Gran Gala do Circo

Producida por Pistacatro, este espectáculo de variedades reúne en Compostela artistas galegos, estatais e internacionais nun grande abano de disciplinas circenses. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles que se poden adquirir na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia. 
 

Clara Reina é unha das artistas participantes na Gran Gala do Circo 

 

Como cada ano, Compostela celebra o Día Internacional do Circo e faino cun grande evento no Auditorio de Galicia. A Gran Gala do Circo tomará a Sala Ángel Brage este domingo, día 21 de abril, a partir das 18,30 horas. Coordinado por Pistacatro, este espectáculo que forma parte da programación En Familia de Compostela Cultura reunirá artistas e compañías galegas, estatais e internacionais para ofrecer ao público grande e miúdo unha festa no Novo Circo. 
Natalia Outeiro ‘Pajarito’ será nesta ocasión a mestra de cerimonias dunha celebración guionizada por Antón Coucheiro na que poderemos gozar dos malabares da compañía valenciana Insomnia, do clown do galego Isla Le Triska, da arte do hula-hoop da sevillana Clara Reina, dos equilibrios en bicicleta da suíza Jessica Arpin e das acrobacias dos arxentinos Duo Laos. Unha manchea de artistas circenses que darán o mellor si en intervencións curtas, de cinco a dez minutos de duración, fiadas polo humor e a picaresca de Pajarito que se ocupará tamén de garantir a participación do público. 
Pequenas doses de arte concentrado para construír un espectáculo diverso, cheo de risos e de sorpresas que, de seguro, emocionará ao público de Compostela.
A dous días do evento, queda apenas un cento de entradas dispoñibles que poden ser adquiridas a un prezo de 3 euros na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (o propio domingo dende ás 17.30 horas)

Actuación do Duo Laos fotografada por Annette Hausmann

Día Mundial do Circo
O de 2024 é o 14ª Día Mundial do Circo, un evento promovido pola Fédération Mondial du Cirque que se celebra o terceiro sábado de abril de cada ano co obxectivo de reivindicar a importancia cultural desta arte escénica. A comunidade circense internacional únese con celebracións, galas e homenaxes que se espallan por todo o mundo e das que Compostela tamén fai parte.
 

MÁIS INFORMACIÓN