

A compañía Producións Teatrais Excéntricas presenta en Compostela unha peza dirixida por Quico Cadaval que revisita, en clave cómica, unha das obras máis emblemáticas da literatura galega
As entradas para as catro funcións programadas, do mércores 15 ao sábado 18 de abril, están esgotadas
O Teatro Principal de Santiago acollerá entre o 15 e o 18 de abril catro representacións d’Os Dous de Sempre, o novo espectáculo de Mofa e Befa promovido por Producións Teatrais Excéntricas e dirixido por Quico Cadaval. A montaxe afonda no universo literario e humorístico de Castelao a través dunha proposta escénica que combina tradición popular, teatro físico e unha mirada contemporánea sobre a condición humana.
Inspirada na coñecida obra de Castelao, a peza leva á escena a Pedriño e Rañolas, dous personaxes antagónicos e inseparables que encarnan, respectivamente, o impulso idealista e a dimensión máis material da existencia. A súa relación, chea de contrastes e complicidades, insírese nunha longa tradición de parellas cómicas que vai de Don Quixote e Sancho Panza aos pallasos do circo ou ás figuras do cinema mudo.
Co seu característico estilo, Mofa e Befa —o dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira— acompañados no escenario por Josito Porto, mergúllanse nesta ocasión nun imaxinario que bebe do escarnio medieval, do cabaré e da cultura popular galega, conectando co humor profundamente humano de Castelao. A proposta constrúe un “retábulo da risa” onde conviven o neno, o tolo e o animal, elementos fundamentais da súa visión do mundo
A montaxe conta cun equipo artístico de ampla traxectoria, con dramaturxia de Carme Varela e Quico Cadaval e un coidado traballo escénico e lumínico a cargo de Baltasar Patiño. Recomendada para maiores de 13 anos, e cunha duración superior aos 90 minutos, Os Dous de Sempre preséntase como unha oportunidade para redescubrir, desde o humor e a emoción, un dos textos fundamentais da cultura galega contemporánea.
As funcións no Teatro Principal, programadas do mércores 15 ao sábado 18 de abril ás 20.30 horas e que xa esgotaron as localidades á venda, enmárcanse no Foco Castelao en Escena da programación teatral de Compostela Cultura, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago.
Arredor da peza, artéllanse diferentes actividades de mediación que buscan ofrecer ao público oportunidades para afondar no proceso creativo desta montaxe. A primeira delas é a posfunción, un coloquio aberto co equipo artístico que terá lugar no Teatro Principal o propio día 15 ao remate do primeiro pase. Xa o martes 21 de abril, o Auditorio de Galicia acollerá a sesión Tramoia. Anatomía dunha peza teatral. Os Dous de Sempre, un encontro con Carme Varela e Quico Cadaval para coñecer de primeira man o desenvolvemento do espectáculo: dende o proceso de adaptación da obra de Castelao, ás decisións que determinaron a posta en escena, e mesmo a aquelas ideas e camiños creativos que quedaron fóra do resultado final. A asistencia a este encontro é libre ata completar capacidade