Mel e Sús, en concerto este sábado no Teatro Principal

•    A electrónica abraza o jazz, o fado e as músicas tradicionais de Galicia e Portugal neste recital que clausura a programación de Compostela Cultura arredor do Día Europeo da Música
•    Mel, a formación que lideran Lucas de Centi e Sandra Pérez, subirá ao escenario na compaña de Antía Muíño e Miguel Arribas
•    A artista lusa Susana Nunes, Sús, chega a Compostela para presentar ‘Entre’, o seu primeiro disco en solitario
 

A exploración de sonoridades coa porta aberta á improvisación continúa este sábado ás 20.00 horas no Teatro Principal nun concerto que tende pontes entre Portugal e Galicia a través das propostas musicais de Mel e Sús. Enmarcado na programación especial coa que Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música, o recital forma parte do proxecto O que non se escribe, unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro. 
Mel, o proxecto liderado por Lucas de Centi e Sandra Pérez, será o encargado de abrir a noitiña coa súa mestura de diferentes estilos de electrónica con elementos do jazz e a música de raíz. A súa aposta pola improvisación tomará corpo nesta ocasión a través da voz de Antía Muíño e os saxos e efectos sonoros de Miguel Arribas. 
A voz hipnótica de Susana Nunes, Sús, subirá ao escenario ao final da noite para transitar entre sonoridades e experimentar cos suburbios do pop, o fado e a electrónica de vangarda. Co son e a súa voz como principal vehículo de expresión, esta artista portuguesa afincada en Copenhague presenta unha proposta que mergulla o público nunha experiencia inmersiva que se move entre a lírica portuguesa, o art pop e a electrónica experimental, con videocreacións da artista visual dinamarquesa Kristin Wichstrom. Entre é o seu primeiro traballo en solitario tras colaboracións con formacións galegas como Néboa (o quinteto do que tamén fan parte Lucas de Centi e Sandra Pérez) e Baiuca, portuguesas como o dúo HAĒMA ou brasileiras como Àiyé.
As entradas para o concerto teñen un prezo de 12 euros (con descontos para diferentes colectivos) e están dispoñibles na páxina web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. Tamén poderán ser adquiridas no despacho de billetes do Teatro Principal o propio sábado dende as 19.00 horas.
O labor de Susana Nunes na exploración e recuperación do patrimonio sonoro reborda estes días as portas do Teatro Principal grazas ao paseo tecido polo proxecto O que non se escribe ao longo da rúa Nova. Cara a esta iniciativa, a portuguesa escolleu catro cantigas recollidas en Viseu, Idanha-a-Nova, Esposende e Miranda do Douro, gravadas entre os anos 50 e os anos 70. A cidadanía e visitantes de Compostela poderán descubrilas a través dos códigos QR dispostos en diferentes puntos da rúa que lles permitirán escoitar libremente con auriculares estas recollas de música tradicional.