Música, teatro, contos, xogos e moito máis nunha nova edición da Festa do Apego

O programa Apego é un proxecto cooperativo desenvolvido polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago con información e actividades para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia, co obxectivo de crear redes e comunidade de familias con empatía e autoestima arredor da lingua.

O sábado 23 de decembro, o Auditorio de Galicia acollerá unha nova edición da Festa do Apego, unha feira de contos, música, xogos, información e propostas na que nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día. Entre as principais propostas, a mostra de recursos para experimentar, os xogos de Paporrubio e de Brazolinda ou a imprenta tipográfica, así como unha ampla programa de espectáculos musicais e escénicos que pechará co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. O programa Apego tamén ofrecerá actividades para a cativada os xoves 21 e 28 de decembro na praza Roxa.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de Marta Besada, técnica do Departamento de Lingua, presentou esta mañá a programación da Festa do Apego, que se desenvolverá este sábado 23 de decembro entre as 12 e as 20 horas e que inclúe actividades continuadas e simultáneas e propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual.

Goretti Sanmartín fixo un chamamento aos nenos, nenas e ás súas familias a achegarse este sábado ao Auditorio de Galicia para "socializar, co galego como ferramenta e coa música, os contos, o xogo, a danza, o teatro, a maxia e os recursos como experiencias enriquecedoras" con "entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade".

Entre as propostas, a rexedora salientou "os xogos de mesa de Brazolinda, un expositor de recursos para a igualdade, a Iniciativa Xabarín da Mesa pola Normalización Lingüística, oferta de libros e música cun expositor de venda da Libraría Couceiro, os xogos Paporrubio tradicionais para todas as familias, un obradoiro de imprenta tipográfica de Alouette Machine e outro obradoiro chamado 'Argallando desexos', de Miudiño".

Música e teatro

Xa no apartado de espectáculos escénicos e musicais, o público terá a ocasión de ver "Triscus Beliscus", de Rilo e Penadique; o conto "Carapuchiña e os cinco lobiños", de Ángeles Goás; o espectáculo "Na Casa", de Caramuxo Teatro; un obradoiro de baile tradicional, da man de Artur Puga; a presentación do conto "A nena e os tres osos", de Bea Campos; un espectáculo de maxia "Degustación de imposibles", de Joshua Kennet; o conto "Corochas", de Atenea García; e un concerto de "Uxía Lambona e a Banda Molona", que fará as delicias do público familiar.

Carpa Roxa

No marco do programa ‘Compostela, a Estrela do Nadal’, o programa Apego tamén ofrecerá varias propostas na praza Roxa. O xoves 21 de decembro ás 17 h Tarabela Teatro presentará a sñua función "Sabela e o paxaro máxico", e a continuación o Obradoiro para fabricar a caixa do mago malvado, ás 18 h.

O xoves 28 de decembro ás 17 h será a quenda do espectáculo "Cores, contos e rock’n roll coa Ramona pequena", de Pakolas; e despois ás 18 h será o Obradoiro para fabricar o tamboril.

Programa Apego

O programa Apego é un proxecto cooperativo desenvolvido polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago con información e actividades para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia, co obxectivo de crear redes e comunidade de familias con empatía e autoestima arredor da lingua.