Lucile Hadžihalilović recibirá o premio especial Curtocircuíto Atlas

O festival proxectará as primeiras obras da cineasta e organizará un encontro co público conducido pola xornalista Elsa Fernández-Santos 
Na sección oficial Cosmos competirán 22 películas de 17 países
Lawrence Lek, Miranda Pennel, Billy Roisz, Total Refusal, Nebojša Slijepčević, Àlex Sardá ou Elena Duque presentarán os seus últimos traballos 

 O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) inaugura este ano o premio especial Curtocircuíto Atlas, dirixido a recoñecer filmografías innovadoras e arriscadas.  Nesta primeira edición será concedido a Lucile Hadžihalilović, unha das voces máis singulares do cine contemporáneo. 

O Festival proxectará parte da súa obra e realizará un encontro entre a cineasta e o público que estará conducido pola xornalista cultural Elsa Fernández-Santos.

Nada en Francia e criada en Marrocos, Hadžihalilović iniciou a súa carreira nos anos 90  fundando a produtora Les Cinémas de la Zone xunto a Gaspar Noé, con quen colaborou en títulos como Carne, Seul contre tous e Enter the Void.

En 1996 debutou como directora con La bouche de Jean-Pierre, seleccionada en Un Certain Regard (Cannes). A súa primeira longametraxe, Inocencia (2004), valeulle o Premio á Mellor Dirección Novel en San Sebastián, festival no que foron tamén premiados os seus seguintes traballos,  Evolution (2015) e Earwig (2022). O seu cuarto filme, The ice tower,  protagonizado por Marion Cotillard, estreouse no pasado Festival de Berlín. 

O foco en Santiago incluirá as súas obras La bouche de Jean-Pierre (1996), unha dura e delicada visión da infancia marcada pola violencia; Nectar (2014), unha peza sen diálogos que explora o feminino e os rituais corporais desde unha estética sensorial; e De Natura (2021), unha obra abstracta e hipnótica que afonda na relación entre natureza, corpo e percepción.

O cinema de Lucile Hadžihalilović habita un territorio onde a beleza e o desacougo se entrelazan para cuestionar os límites do humano e do representable. A través da infancia, o corpo e a metamorfose, a súa obra reflexiona sobre os conflitos soterrados da sociedade contemporánea: a vixilancia, a perda da inocencia, as estruturas de control institucional e a violencia simbólica. Hadžihalilović constrúe experiencias sensoriais que interpelan o espectador dende a intuición e o misterio. Nun presente dominado pola incerteza, as súas películas convértense en espellos escuros que nos devolven preguntas sen resposta; un terror subterráneo que fala da nosa desorientación colectiva. 

22 filmes de 17 países en Cosmos

O cinema continúa sendo o eixo principal de Curtocircuíto. Nesta nova edición, Curtocircuíto presenta un total de 22 filmes procedentes de 17 países que conforman a sección oficial Cosmos. No festival, o público poderá viaxar a través de obras de Reino Unido, Suíza, Austria, Estados Unidos, Chile, Australia, Italia, Croacia, Canadá, entre outros territorios, que compoñen un mapa plural e en constante transformación.

A selección inclúe cinema narrativo, ensaios documentais, pezas que exploran a estética dos videoxogos ou obras que se achegan a formatos e linguaxes completamente libres, totalmente afastados da idea convencional de cinema. Nesta última liña, o festival distingue cinco obras dentro de Cosmos que recuperan o espíritu e a denominación da histórica sección Explora. Filmes que se desenvolven na abstracción poética e na experiencia sensorial propoñendo un diálogo curatorial cos espectáculos AVs desta edición. As obras Cosmos Explora estarán espalladas polas diferentes sesións da Sección Oficial, sempre precedendo aos espectáculos audiovisuais.

As obras de Cosmos Explora son Archipelago of Earthen Bones — To Bunya de Malena Szlam (Australia, Canadá, Chile),  Common Pear de Gregor Božič (Eslovenia, Reino Unido), Portales de Elena Duque, Pneuma de Adrià Expósito e The Garden of Electric Delights de Billy Roisz.

Cosmos, ademais dos filmes anteriores, recolle obras como Empty Rider de Lawrence Lek, unha distopía que mestura simulación 3D e reflexións sobre identidade artificial, ou Ohio Sonata de Lluis Galter, unha telenovela de imaxes de arquivo que xoga cos xéneros cinematográficos. Destacan tamén Man Number 4 de Miranda Pennell, unha reflexión sobre a observación, a representación e a violencia desde Gaza; Divers de Geordie Wood, que explora a preparación e o salto ao baleiro dun grupo de artistas de elite; Quamdo a terra foge de Frederico Lobo, unha mirada á infancia e á montaña, ou o gañador da Palma de Ouro no Festival de Cannes e finalista a mellor curtametraxe nos Premios Óscar, The Man Who Could Not Remain Silent, de Nebojša Slijepčević, multipremiado cineasta croata.

Outros títulos relevantes inclúen We Beg to Differ (Irlanda), Merging Bodies (Italia), No Mean City (Reino Unido/EUA), Inmaculata de Kim Lêa Sakkal (Alemaña, Francia) e Julian and the Wind de Connor Jessup (Canadá), entre outros. A representación do cinema galego e estatal chega da man de propostas como a galega Above All de Enar de Dios, La Sangre de Joaquín León, El cuento de una noche de verano de María Herrera, ou El princep de Àlex Sardà.

Sección oficial Cosmos:

  • Empty Rider de Lawrence Lek. 2025 - Suíza, Reino Unido. 
  • My Want of You Partakes of Me de Sasha Litvintseva & Beny Wagner. 2024 - Reino Unido, Países Baixos. 
  • Ohio Sonata de Lluis Galter. 2025 - España.
  • World at Stake de Susanna Flock, Adrian Jonas Haim, Jona Kleinlein. 2025 - Austria.
  • Man number 4 de Miranda Pennell. 2024 - Reino Unido.
  • Above all de Enar de Dios. 2025 - España, Austria. 
  • Divers de Geordie Wood. 2025 - Estados Unidos. 
  • No Mean City de Ross McClean. 2025 - Reino Unido, Estados Unidos. 
  • Merging Bodies de Adrian Paci. 2024 - Italia. 
  • Quamdo a terra foge de Frederico Lobo. 2024 - Portugal, España. 
  • We Beg to Differ de Ruairi Bradley. 2024 - Irlanda. 
  • La Sangre de Joaquín León. 2025 - España. 
  • The man who could not remain silent de Nebojša Slijepcevic. 2024 - Croacia, Francia, Bulgaria, Eslovenia. 
  • El princep de Àlex Sardá. 2024 - España. 
  • El cuento de una noche de verano de María Herrera. 2024 - España. 
  • Immaculata de Kim Lêa Sakkal. 2024 - Alemania, Francia. 
  • Julian and the Wind de Connor Jessup. 2024 - Canadá. 

Sección oficial Cosmos Explora:

  • Common Pear de Gregor Božič. 2025 - Eslovenia, Reino Unido. 
  • Archipelago of Earthen Bones — To Bunya de Malena Szlam. 2024 - Australia, Canadá, Chile. 
  • The Garden Of Electric Delights de Billy Roisz. 2025 - Austria. 
  • Pneuma de Adriá Expòsit-Godoy. 2025 - España. 
  • Portales de Elena Duque. 2025 - España.