A loita contra o acoso sexual de Nevenka Fernández sobe este sábado ás táboas do Teatro Principal

As compañías Histrión Teatro e Portal 71 producen ‘Nevenka’, unha obra escrita e dirixida por María Goiricelaya que recolle a historia da primeira muller que gañou en España o xuízo a un político por acoso sexual 
Gema Matarranz, Alex Furundarena e Ana Ibáñez conforman o elenco desta obra que se presenta o sábado 29 de marzo ás 20.30 horas no Teatro Principal
As entradas para o espectáculo están dispoñibles xa na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e tamén se poderán adquirir no propio Teatro o sábado a partir das 19.30 h
 

En 2001, España foi testemuña dun feito histórico: por primeira vez, unha muller gañaba un xuízo contra un político por acoso sexual e laboral. Nevenka Fernández, concelleira de Facenda en Ponferrada, levou ao banco dos acusados ao seu superior, o daquela alcalde Ismael Álvarez, marcando un antes e un despois na loita contra a violencia de xénero no país. A súa determinación fronte a unha contorna social que procurou silenciala e que mesmo a obrigou a se exiliar, fica fortemente asentada na memoria colectiva. 

Máis de dúas décadas despois, a historia de Nevenka chega aos escenarios de Compostela da man de Histrión Teatro e Portal 71. O sábado 29 de marzo, ás 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá a representación desta peza escrita e dirixida por María Goiricelaya –unha das autoras clave da temporada escénica de Compostela Cultura– que forma parte dos focos ‘Creadoras de Escena’ e ‘Memoria en Escena’. Cunha aposta que conxuga teatro documental e dramaturxia contemporánea, Nevenka mergúllanos nun caso que acaparou as portadas dos medios de comunicación do país e achéganos á indefensión da vítima fronte ao xuízo mediático e o escarnio público, poñendo sobre as táboas un debate que, lonxe de estar pechado, segue a interpelarnos. Unha obra necesaria que serve de espello e de memoria e nos obriga a cuestionarios se a sociedade mudou o suficiente nestes vinte anos. 

O elenco, composto por Gema Matarranz, Alex Furundarena e Ana Ibáñez, dá vida a unha historia que non só rememora o pasado, senón que tamén abre unha fiestra ao presente. Coidadosamente tecida en cada un dos seus aspectos técnicos e artísticos, Nevenka  conta cun equipo conformado por Álvaro Gómez Candela no deseño e construción da escenografía, David Alcorta na iluminación, Laura León no vestiario, e Ibon Aguirre e Ibon Belandia a cargo do espazo sonoro e a música orixinal, respectivamente. A dirección audiovisual vén da man de Jorge Girálvez e Paul Walter, mentres que a axuda na dirección recae en Ane Pikaza.

As entradas para o espectáculo (14 € con descontos para diferentes colectivos) están dispoñibles xa na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e tamén se poderán adquirir no propio Teatro o sábado a partir das 19.30 h